Difundir o cooperativismo entre os potenciais emprendedores é unha das metas da consellaría de Traballo, desde onde sinalan o déficit na escolla desta opción.
Os programas de emprendemento desenvolvidos pola Xunta destacan nos últimos tempos a posibilidade do cooperativismo. Así por exemplo, un convenio estabelecido coas tres universidades do país, ten como obxectivo difundir esta fórmula empresarial entre os emprendedores universitarios. Especialmente, nas facultades de Económicas, Empresariais, Dereito e Relacións Laborais, estaríase realizando un esforzo na difusión desta alternativa.
A subdirectora xeral de Cooperativismo, Dolores Tobío, sinala a falta de coñecemento dunha actividade socioeconómica que demostrou en Galiza o éxito desta fórmula. Considérase que agora mesmo en Galiza hai 26 mil empregos directos e indirectos creados polas cooperativas, que de feito deben adicar o 30% dos seus beneficios a formación e reciclaxe de todos os contratados. Un total de 83 mil galegos apostaron por crear a súa propia empresa en Galiza baixo a fórmula xurídica de cooperativa, o que supón, como primeira diferenza cunha entidade máis convencional como a é unha sociedade limitada, que o dono e traballador son unha mesma persoa. Consecuentemente, a figura do xefe desaparece e, polo tanto, a implicación do empregado co proxecto é maior.