O ministro de defensa australiano admite que asegurar os recursos de combustíbel foi e é unha prioridade para o despregue das tropas no país.
Brendan Nelson, ministro de Defensa de Australia, recoñeceu esta semana que "manter a seguridade dos recursos petrolíferos de Oriente Próximo era unha prioridade para o goberno de Camberra".
No entanto sinalou que a principal razón para que as tropas se manteñan aínda en Iraq é vixiar por que a crise nese país non vaia a peor.
Australia formou parte das tropas invasoras en 2003 xunto con outros países como EUA, Reino Unido e España, e aínda mantén ao redor de 1.500 efectivos militares despregados na rexión, sen que haxa ningún plan inmediato de levalos de volta para Australia.
"Importante subministrador de enerxía para o mundo"
Segundo o programa de seguridade nacional australiano feito público por Nelson o suministro de petróleo influíu profundamente na estratexia do goberno.
"Entre as moitas prioridades para a defensa e seguridade de Australia está a de asegurármosnos os recursos petrolíferos", sinalou, e engadiu que obviamente "Oriente Próximo, non só Iraq senón a rexión enteira, é un importante subministrador de enerxía, en particular para o resto do mundo".
A oposición política ao actual goberno australiano acúsao de mentir, xa que en 2003, o primeiro ministro, John Howard, insistiu en que a invasión para derrocar o ex presidente do goberno iraquí Saddam Husseim non tiña nada que ver co petróleo.