Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os homes da foto das Azores

George W. Bush, Tony Blair e José María Aznar, respectivos líderes dos EEUU, Reino Unido e España, déronlle luz verde á guerra e formalizaron a ruptura máis profunda que as institucións internacionais sufriron desde 1945. Un perfil dos tres homes da guerra feito por Enrique Curiel. Con este artigo estreamos na rede o noso especial sobre Iraq: “Ameaza consumada: O día da besta e o día despois”.

- 09:10 15/04/2003
Tags:

A invasión de Iraq sinala o triunfo das teses da “guerra preventiva” que, ó ser rexeitadas pola maioría do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, provocou unha crise da propia institución que pode ter un desenlace fatal que implique a súa propia desaparición. Hai moitos observadores que estiman que a guerra de Iraq sinala o final e o colapso político dunha organización que naceu para previr emerxencias durante a “guerra fría” e que probablemente non poida superar os efectos da emerxencia actual.

A gran potencia que se consolida de forma definitiva trala implosión da Unión Soviética desenvolveu unha visión unilateralista dos problemas do mundo da globalización rexeitando a experiencia de Bill Clinton, que mantivo entre 1992 e 2000 unha estratexia de contención e de multilateralismo ante os problemas do mundo do postcomunismo. A ONU, que conseguiu evitar un cataclismo nuclear durante a disputa dos bloques militares, pode morrer de éxito. Un paradoxo da historia.

¿Que representan e por que deciden ir á guerra os “homes das Azores”? ¿Quen son estes tres homes? Comprender a política de George W. Bush e do equipo que o apoia obriga a viaxar algúns anos atrás. O final da guerra do Golfo en 1991 non evitou que os grupos máis reaccionarios do partido republicano seguiran pensando en Iraq, en Sadam e no petróleo iraquí. Se Bush pai non terminou a campaña chegando a Bagdade e expulsando a Sadam foi por varias razóns. Unha delas referíase á evidencia de que o mandato da ONU que lexitimou a coalición internacional pretendía, exclusivamente, a expulsión de ¨Sadam de Kuwait.

Por outra parte, consideracións referidas ó mantemento dos equilibrios políticos e relixiosos nunha rexión tan exclusiva, complexa e importante aconsellaba non prescindir de Sadam que, enfrontado á revolución xiíta iraniana, seguía desempeñando unha función de contrapeso da influencia do réxime de Teherán.

Polo demais, existía o perigo dunha desmembración de Iraq, roto entre a minoría kurda no norte e os xiítas no sur, o que poñía en perigo a explotación do petróleo e a propia estabilidade política da área. Por último, ninguén pensaba que Bush pai puidera perder as eleccións presidenciais de 1992 ante un descoñecido gobernador de Arcansas chamado Bill Clinton. Pero o que non estaba previsto sucedeu e o clan republicano tivo que retirarse á espera da mellor ocasión.

A partir de 1995, a candidatura de George W. Bush á Casa Branca, apoiado por unha boa cantidade dos grupos de poder que estiveron cerca da presidencia do seu pai, foi lanzada para ocupar a presidencia e Bill Clinton empezou a ter todo tipo de problemas. O desenvolvemento da campaña electoral, a presión exercida ante o Tribunal Supremo de Florida e as trampas electorais efectuadas poñen de relevo a decisión deste grupo de chegar á Casa Branca a calquera prezo. E cabe recordar que, de forma paralela, Ariel Sharon provocaba en setembro de 2000 o xurdimento dunha nova Intifada como resposta á súa visita á Explanada das Mesquitas.

Coa victoria de Bush II, non moi dotado intelectualmente e escaso coñecedor da política exterior, chegou á Casa Branca o núcleo máis reaccionario do partido republicano que xamais gobernara en Estados Unidos. Por primeira vez empoleiráronse no poder os representantes dos tres sectores determinantes na política estadounidense: os representantes do sector máis extremo do sionismo, o fundamentalismo metodista –intolerante e violento- e o empresariado vinculado coa industria do armamento e do petróleo. Tal grupo de presión foi identificado polo presidente Dwight Einsenhower en 1955 como o “complexo militar-industrial” que influía no poder político e gobernamental de EE.UU.

O escudo que tales grupos formaron arredor de Bush II está integrado por Dick Cheney (antigo secretario de Defensa co seu pai e actual vicepresidente), Donal Rumsfeld (secretario de Defensa), Condoleeza Rice, Paul Wolfowitz, George Tenet (director da CIA) e o antigo “pomba” Colin Powell. Outro dos representantes do sector “neocon”, así bautizados en Washington, é o recentemente dimitido Richard Perle, de orixe xudía, partidario da política de Ariel Sharon, ex secretario de Defensa adxunto con Ronald Reagan, arquitecto da doutrina da “guerra preventiva” e ardente defensor do ataque a Iraq. Richard Perle é o autor do documento denominado “Proxecto para o Novo Século Americano”, elaborado en 1998 e enviado ó entón presidente Clinton, no que se di que “a presencia militar de Estados Unidos na rexión de Oriente Próximo (principalmente Iraq) ten que producirse canto antes, a fin de salvagardar os nosos intereses (petróleo)”. O documento tamén estaba firmado por Paul Wolfowitz e Elliot Abrams, que é un político republicano pro-Sharon e implicado na trama Irán-Contra Ronal Reagan.

Perle, que dimitiu nos últimos días de marzo como presidente do influínte Defense Policy Board (DBP), dependente do Pentágono, foi o que máis criticou o desexo de Powell de acudir á ONU porque considera que ONU e OTAN xa están desfasadas. Arredor de Richard Perle articúlanse unha boa parte dos intereses dos sectores económicos vinculados á información e ó sector armamentístico que buscan o apoio e a complicidade da Casa Branca e do Pentágono. Perle forma parte do consello da empresa británica Autonomy Corp., que traballa no proceso de datos para o novo Departamento de Seguridade Interior que naceu tralo fracaso da CIA e do FBI no 11-S, e tamén representa os intereses de Carlyle Group Energy e de Triteme Energy.

O resto do grupo, encabezado pola familia Bush, aparece vinculado ó mundo do petróleo. Bush II comeza a seguir os acontecementos de Iraq e de outros países da área en 1990, cando pasa a controlar a maioría das accións da empresa Harken Energy gracias ós contactos do seu pai, inquilino da Casa Branca e tamén propietario de Zapata Petróleum no Golfo Pérsico. Pola súa parte, Don Evans (secretario de Comercio), Donald Rumsfeld, Condoleeza Rice, Richard Cheney (vicepresidente), Zalmay Khalilzad (asesor de Bush para Oriente Medio) e Gale Norton (secretaria de Interior) foron conselleiros, altos executivos e asesores estratéxicos de empresas petrolíferas e doutras que están firmando contratos para a reconstrucción de Iraq.

Por último, faise patente a influencia do grupo político-relixioso co que George W. Bush se sente profundamente identificado. Trátase dunha cruzada, dunha reconquista da sociedade americana para combater a caruncho inmoral que se desenvolveu trala nefasta influencia demócrata durante os dous mandatos de Clinton. Este grupo neoconservador, evanxelista e pro-israelí está inspirado nunha visión agresiva da igrexa metodista que non dubidou en criticar duramente o uso de Deus que fai Bush nos seus discursos para xustificar a guerra. A igrexa metodista ten unha tradición esencialmente pacífica. A pregunta é, ¿realmente Bush é un “cristián renacido” ou estamos ante unha trola para ocultar os seus auténticos intereses? Hoxe por hoxe non o sabemos, pero do que podemos estar convencidos é de que xamais un grupo con tanto poder ocupou as engrenaxes do sistema político de Washington.

Neste contexto e con tales previsións políticas e estratéxicas, o atentado do 11 de setembro de 2001 contra as Torres Xemelgas e o Pentágono, coa secuela de máis de 3.000 víctimas mortais, constituíu un terremoto político que os “falcóns” decidiron aproveitar.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº71, abril 2003)

Outros artigos incluídos no especial: “Ameaza consumada: O día da besta e o día despois”.

O día da besta

Basilio F. Fondevilla/Xosé Fortes/ César Portela: Estamos en guerra, pero ¿contra quen?

Roberto Mansilla: Xeopolítica, poder e petróleo

Belén Puñal: A guerra mediática: propaganda versus rebelión

O día despois

Lino Pellitero: Tras da pax americana

Fernando Pérez Barreiro: A guerra e a crise da seguridade colectiva

Ramón Lugrís: A ONU, ¿víctima colateral da guerra?

María del Mar Gómez: O mundo árabe na nova crise

Sylvia Gómez Saborido: Rusia: do inimigo confiable ó amigo precavido

Xulio Ríos China, ¿será Bush un tigre de papel?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: