Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Iraq: Os motivos dunha guerra insegura

En Bagdad ninguén dubida de que a “guerra preventiva” programada por Mr Bush irá adiante, digan o que digan Nacións Unidas, a Unión Europa, Rusia, China, os países árabes ou os milleiros de almas que se manifestan en medio mundo para condenar a política agresiva de Washington, incluídos moitos protagonistas norteamericanos de guerras anteriores. Xulio Ríos reflexona neste artigo sobre os motivos da guerra que vén.

- 10:15 19/02/2003
Tags:

Para desarmar Iraq, EEUU fai alarde dun despregamento de armamento nunca visto: cento cincuenta mil soldados e toda unha armada aeronaval que vai cercando as fronteiras de Iraq á espera da orde de ataque, probablemente a mediados de marzo, segundo os analistas militares. Todo estará listo daquela, incluída a seducción mediática dunha opinión pública que se fai de rogar.

Doce anos despois da primeira guerra do Golfo, Bush fillo non pode argumentar a súa guerra como resposta a unha invasión por parte de Iraq de ningún país veciño. As súas hipotéticas conivencias con Al Qaeda e demais grupos terroristas de signo relixioso son desmentidas ata polos seus propios inimigos. Os gobernos árabes desconfían da iniciativa americana (en 1991 convencéranse ata de financiar xenerosamente a Treboada do Deserto). As opinións públicas do seu propio país e da mesma Gran Bretaña amosan unha oposición crecente, mesmo no caso de que a “guerra preventiva” se inicie co respaldo de Nacións Unidas –sería o tiro de gracia para a ONU-; do Papa a Kofi Annan, mesmo moitos dos asistentes ao Foro Económico Mundial de Davos, todos e todas as instancias estiman que esta guerra nin é necesaria nin é útil e que polo mesmo pode evitarse.

Demostración de forza

¿Pode evitarse? Existen tres grandes motivos, os tres con gran valor estratéxico, para levala adiante. O Presidente Bush está persuadido de presidir un país que goza hoxe en día dunha posición internacional excepcional, unha ocasión única para afirmar un liderado universal indiscutible. É verdade que non se trata aquí de expulsar os soldados iraquís do Kuwait ocupado (por certo, ¿non fora tamén para propiciar un impulso democratizador en Kuwait?). É certo tamén que a situación na zona é sensiblemente diferente á de 1991, pero hai, entre ambos os dous tempos, un primeiro obxectivo estratéxico común: se daquela o conflicto serviu para evidenciar a súa victoria fronte á URSS na guerra fría e darlle o último empurrón para o abismo da historia, do que se trataría agora é de transmitir ao mundo a evidencia dunha fortaleza inexpugnable, dunha tecnoloxía bélica que a sitúa a gran distancia dos seus inmediatos seguidores e que lle permite forzar solucións que a vía estrictamente diplomática facía imposibles ou esixían tempo de máis. Estamos ante unha nova fase do rearme estratéxico que se inicia a raíz do 11S para confirmar o liderado universal da superpotencia hexemónica.

Os intereses territoriais

O segundo obxectivo estratéxico é de dimensión rexional. É de sobra coñecido, tanto en medios políticos como diplomáticos ou xornalísticos, que a invasión de Iraq é unha estrataxema para expulsar a Xordania os palestinos recompensando ao seu monarca cunha parte de Iraq. A seguir, aseguraríase a ocupación plena por parte de Israel da Cisxordania tomada polas tropas do recentemente elixido Sharon e a anexión definitiva de todos os territorios palestinos. O seguinte paso sería a restauración monárquica nun Iraq seriamente fragmentado no seu territorio e debilitado na súa economía. Por último, asestaríase un golpe decisivo contra Siria para asegurar a Israel a conservación dos altos do Golán. Nin no Pentágono nin en Israel terían entón medo a un Estado Palestino e incluso hai quen di que o sucesor de Arafat xa foi designado.

A febre do ouro negro

A terceira razón é o petróleo, naturalmente. Pero neste caso, non é a máis importante fronte ás dúas sinaladas anteriormente. De Guinea a Asia central, EEUU leva meses tomando posicións de gran solidez para asegurar o control presente e futuro de tan vital recurso. Un e outro asunto, petróleo e fronteiras, naceron co propio Estado iraquí. Cando os británicos e os franceses, conta Anthony Sampson, autor de “Sept Soeurs: les grandes compagnies et le monde qu’elles ont fabriqué”, debuxaron as fronteiras do Iraq que emerxía do afundimento do antigo Imperio Otomano despois da primeira guerra mundial, contaron pouco os intereses e os dereitos dos árabes. A explotación dos depósitos petrolíferos iraquís que da Turkish Petroleum Company pasaron á Iraq Petroleum Company (IPC) entraron no reparto. Os franceses tiñan dereito á cuarta parte que era propiedade dos alemáns vencidos. Os británicos, xa presentes en Irán, querían a súa e os estadounidenses tamén. Para os iraquís deixaban o 20 por cento da concesión. Pero nin iso respectaron cando se iniciou a producción a grande escala. Non é de estrañar, pois, que no sentimento da poboación iraquí se advirta a perversa natureza do interese democratizador occidental. Sen embargo, algúns analistas, o propio Sampson, chaman a atención sobre o feito de que, nesta ocasión, non son as grandes petroleiras quen máis empurran do furgón da guerra, senón o pequeno grupo de ultraconservadores vencellados á industria do armamento que seguen a consigna lanzada desde Israel e dos seus aliados que consideran tanto a Irán como a Iraq veciños moi perigosos, inimigos declarados, aos que cómpre derrotar de forma contundente.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: