Hai un ano a Xunta recuara na súa decisión de colocar un outro na Punta virxe de Corvos, a dous quilómetros da proxectada agora.
A Plataforma Ambiental de Corrubedo fixo público o manifesto Somos mariñeiros e queremos pescar no mar (non en piscinas) onde amosan a súa oposición "a calquera tipo de Parque Acuícola ou outro tipo de industria no litoral virxe da costa de Corrubedo" e no que solicitan "un desenvolvemento sustentábel, en consonancia cos valores naturais do senlleiro cabo".
Ademais, reclaman a ampliación do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do Complexo Húmido de Corrubedo (incluído na Rede Natura 2000) "a toda a zona do cabo homónimo e do Corgo ou Laxe Brava, para así preservalo virxe para as xeración vindeiras".
Segundo a plataforma veciñal, "a zona da Laxe Brava é totalmente insuficiente, pois protexe unha franxa costeira moi estreita e sensíbel, de xeito que calquera actividade achegada lle pode afectar".
Un ano da primeira mobilización
"En xullo de 2006, a Xunta anunciaba que daba marcha atrás na intención de emprazar un Parque de Tecnoloxía Alimentaria de 325.000 metros cadrados no cabo Corrubedo, no lugar coñecido como Punta Corvos", sinalan no manifesto.
Porén, o Goberno "acaba de presentar unha revisión do anterior plan -ao que agora chaman Plan Acuícola de Galicia- onde efectivamente, eliminan a fábrica de peixes prevista para o cabo na Punta Corvos, mais inclúen un novo parque na zona do Corgo –ou Laxe Brava–, a dous quilómetros do anterior, de 308.000 metros cadrados, de novo o máis grande de Galiza".
Segundo a Plataforma "a conservación ambiental castígase coa humillación dunha expropiación xigantesca", xa que como os habitantes da bisbarra "mantiveron os seus sete quilómetros de litoral incólumes dende tempos inmemoriais", a Xunta ve nesta zona "o lugar ideal para instalar unha fábrica de peixes se derrubar casa ningunha".
"A Xunta escúdase nas decisións do PP"
Ademais acusan ao Goberno de "enganar ao pobo enteiro de Corrubedo" cando o ano pasado amosaba unha presunta sensibilidade coas reivindicacións dos veciños: "Non eliminaron a fábrica de peixes, tan só a desprazaron un para de quilómetros".
Por último afirman que o LIC de Corrubedo foi feito "tendenciosamente" polo anterior Goberno do PPdeG "para facilitar o emprazamento destes parques", xa que abrangue dende Sálvora (Ribeira) ao Castro de Baroña (Porto do Son), mais deixa fóra parte do Cabo Corrubedo, e sinalan que "a Xunta actual se escuda nas decisións do PP e as defende".