Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESCARTADO O PROXECTO PARA CONSTRUÍLA EN CORRUBEDO

Xunta e Stolt Sea Farm acordan que a piscifactoría se instalará en Porto do Son

O plan da norueguesa Stolt Sea Farm prevé arredor de cen millóns de euros de investimento en cinco anos, nun conxunto de proxectos que inclúen a primeira factoría que en Galiza se adicará ao cultivo do linguado e que se pretendía instalar no contorno de Corrubedo. A mobilización veciñal e ecoloxista, en favor dun plan de protección para a zona, conseguiu o apoio do executivo galego, que vén de acordar coa empresa que esa piscifactoría se construirá en Costa Galloufa, no concello de Porto do Son.

- 10:36 12/07/2006
Tags:

A chamada Rede Natura non incluíra na súa lista de zonas protexidas o lugar de Corrubedo onde Stolt Sea Farm proxectaba construír unha pranta acuícola multifunción. Malia iso, o goberno galego amosárase disposto a responder ás demandas veciñais, que subliñaban o alto valor paisaxístico da zona, e comprometérase xa a incluíla na rede de espazos protexidos. Por ese motivo, a Xunta propúxolle á empresa unha ubicación alternativa en Porto do Son, iniciativa que logo duns días de negociación o xerente de Stolt Sea Farm comunicou que é aceptada.

"Trátase de harmonizar e compatibilizar o desenvolvemento da actividade acuícola coa conservación e a protección da natureza", afirman desde o executivo, ao tempo que lembran que se está revisando o Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega, aprobado polo goberno de Manuel Fraga, e que na opinión de socialistas e nacionalistas non atendeu á necesidade de combinar os espazos adicados á acuicultura, sector de crecente importancia económica, co respecto ao medio ambiente. Por ese motivo, vaise analizar polo miúdo cada un dos proxectos promovidos ao abeiro dese plan, que revisan a fondo as consellarías de Pesca, Política Territorial e Medio Ambiente.

Stolt Sea Farm tamén ten en proxecto outra instalación de acuicultura en Arou (Camariñas) e a ampliación da que xa dispón en Quilmes (Carnota). A empresa pretende duplicar capacidade produtiva en Galiza cara a 2010. Na actualidade, a súa delegación con sede en Carnota amosa cifras de facturación un chisco por riba dos 23 millóns de euros, con 154 traballadores empregados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: