Veciños da parroquia de Baroña, no concello de Porto do Son, enviáronlle ao presidente e o vicepresidente da Xunta, á conselleira de Pesca e ao conselleiro de Medio Ambiente case 3.000 sinaturas para protestaren contra a construción dunha piscifactoría na zona. A empresa Stolt Sea Farm proxecta no lugar, próximo ao castro de Baroña, unhas instalacións de 290.000 metros cadrados.
As sinaturas, 475 de propietarios dos terreos e 2.435 doutros veciños, van acompañadas dunha carta na que convidan os responsábeis do goberno a visitaren a zona, para que comproben a súa riqueza paisaxística e o feito de que as terras están a ter un uso agrícola. Tamén lembran que o pleno municipal rexeitou a instalación da piscifactoría, e o feito de que ese complexo non se construíu no primeiro emprazamento previsto, Corrubedo (Ribeira), por motivos semellantes aos que alegan agora.