O repartimento da reserva concentrouse nuns poucos gandeiros do país e denegoulles cota a 178 explotacións.
O Sindicato Labrego Galego criticou o feito de que o repartimento da reserva láctea estatal se concentrase nun pequeno número de explotacións do país, o que deixou moitos produtores fóra. O secretario dos sectores gandeiros do sindicato, Xavier Gómez Santiso, reclamou a volta a un plan lácteo semellante ao do ano 2005, máis solidario e equitativo.
Aínda que a forza sindical valorou globalmente de xeito positivo o feito de que Galiza recibise 53.000 das 85.000 toneladas do estado, o xeito de repartir a reserva láctea a unhas poucas explotacións, algunhas mesmo cun incremento do 100% da cota. O SLG amósase de acordo cos criterios que se seguiron, aínda que avogou por un repartimento máis equitativo e coa supresión da rexionalización da cota, como acontecera hai dous anos.
Xavier Gómez tamén criticou o feito de que se lles viñese denegada a reserva a 178 explotacións, moitas delas da provincia da Coruña, por teren cuberto na solicitude unha casa en que se anunciaban novas incorporacións á produción e non telas cumprido. Segundo o sindicato, esta retirada da cota vai traer consigo graves prexuízos ás explotacións que xa fixeran previsións.
Subiron os prezos
Pero tamén houbo unha nova beneficiosa para os gandeiros: o incremento dos prezos. O SLG amosou a súa satisfacción polo feito de que, despois de máis de tres anos de caída nos prezos do leite, a industria accedese a pagar máis polo leite, arredor de dous céntimos máis por litro. O sindicato atribuíu este cambio de tendencia á mobilización dos gandeiros e tamén, en parte, á mesa do leite e mais á conxuntura do mercado.
Por último, o SLG pediu que o Ministerio de Agricultura español teña en conta o peso de Galiza no sector lácteo á hora de repartir a cota, xa que foi a única comunidade do estado en aumentar a produción, dentro dunha tendencia de descenso que se dá en toda Europa.