Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Concentráronse na Porta Faxeira, en Compostela

Os gandeiros alindan vacas de cartón na rúa para protestaren polo prezo do leite

O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores anuncian fortes mobilizacións se se fai efectiva unha baixada.

L. Rozados - 14:25 17/04/2007
Un gandeiro pousado nunha das vacas

Un gandeiro pousado nunha das vacas

A Porta Faxeira, enfronte da Alameda compostelá, acolleu nesta mañá unha concentración na que os tres principais sindicatos do agro galego protestaron pola baixada dos prezos do leite. Dende as 12:00, representantes do SLG, de Xóvenes Agricultores e de Unións Agrarias sostiñan unha pancarta na que amosaban a diferenza con respecto a hai doce anos: se o prezo do litro aumentou para o consumidor de 75 pesetas (0,45 €) a 75 céntimos (un 66%), o prezo que se lle está a pagar aos produtores mantense igual (de 50 pesetas a 30 céntimos). Tamén estaban “acompañados” por seis vacas de cartón con lemas inscritos como “Doce anos traballando para... ?” ou “Industria, paga o xusto ou levarás un susto”.



A produción leiteira segue a ser fundamental na economía do país. Dela viven 14.000 familias, e a baixada proposta dun 4% (1,2 céntimos) o litro, podería supor perdas de 183 millóns de euros ao mes. Varias empresas néganse a pagar menos aos seus gandeiros, como é o caso de Feiraco. “O problema é que á hora de mercar, o consumidor oriéntase polo prezo, e vai escoller as marcas do supermercado”, explica Xabier Gómez Santiso, responsábel de gandería do SLG. Deste xeito, os tres sindicatos inician unha campaña de concienciación para un consumo responsábel.

Por outra banda, a Mesa do Leite reunida o 15 de marzo en Compostela acordou crear un observatorio e estabelecer a factura única, dúas ferramentas para evitaren as flutuacións e unificaren os criterios de compra e venda.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: