Neste Día Mundial do Medio Ambiente, o tema central é o cambio climático. En Galiza, as emisións á atmosfera preocupan, e moito.
No Congreso Internacional de Enerxías Alternativas e Medio Ambiente que ten lugar estes días en Vigo. o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, sinalou que o desxeo dos casquetes polares é un síntoma inequívoco do quecemento global. A alerta sobre o Cambio Climático centra este Día Mundial do Medio Ambiente. Segundo Manuel Vázquez, é "un dos maiores problemas aos que se teña enfrontado a humanidade en toda a súa historia".
As emisións contaminantes en Galiza
O fin da Convención Marco das Nacións sobre o Cambio Climático é que se estabilicen as concentracións dos gases de efecto invernadoiro, a un nivel que non interfira de xeito perigoso co sistema climático, e que permita un desenvolvemento sustentábel. As actividades industriais relacionadas co procesado, transformación e consumo de enerxía representan o 80% das emisións de CO2 a escala mundial. Segundo o Protocolo de Quioto, estabelécense unhas limitacións ás emisións dos gases, ou familias de gases, de efecto invernadoiro (CO2, CH4, N2O, PFC´s, HCFC´s y SF6).
Galiza está especialmente afectada por estes procedementos: como indicou o conselleiro, "atopámonos dentro dunha franxa considerada sensíbel segundo o último informe da ONU, e onde, segundo as predicións, producirase un maior incremento das temperaturas durante este século". Nos últimos trinta anos, a temperatura media ascendeu 1,5 , o nivel do mar, entre10 e 90 centímetros, e as choivas durante o verán descenderon nun 29%.
Complexos industriais como a fábrica de celulosas de Pontevedra, ou as centrais térmicas das Pontes e Meirama, producen un volume de emisión de gases de efecto invernadoiro que está xa a ter consecuencias: Galiza emite á atmosfera un terzo do dióxido de xofre (SO2) do Estado. Este gas, resultado da combustión de xofre, provoca choiva aceda ao se oxidar coa luz solar, con consecuencias moi nocivas para os cultivos e para a saúde. O dióxido de carbono, producido pola combustión de lignito (o máis empregado nas térmicas), é a maior contribución ao efecto invernadoiro e ao quecemento global. Mentres tanto, a postura das empresas eléctricas segue a ser a de solicitar que se aumente (nun 20%) a cota máxima de emisións tolerada por Quioto.
Tomando medidas
Pola súa parte, a Consellaría pon en marcha o Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático, cuxo primeiro borrador foi presentado xa o 28 de xuño do ano pasado, con catro liñas de acción básicas: sensibilización e formación, e posta en marcha dun proxecto de educación ambiental denominado Climántica, dirixido ao alumnado de primaria e secundaria; a mitigación das emisións, mediante a posta en marcha do Plan Galego de Redución de Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro; a adaptación, a través do proxecto de Análise das Evidencias e dos Impactos do Cambio Climático en Galicia e o Plan Galego de Adaptación fronte ao Cambio Climático; e a investigación, coa creación da Rede Galega de Observación do Territorio e do Centro de Investigación do Sistema Climático.
Máis información no escáner de Vieiros: