Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN INSTITUTO FUNDADO POR PETROLEIRAS OFRECE 10.000 DÓLARES POR DESACREDITAR O TEXTO

Científicos recibirán cartos por criticar o informe da ONU sobre o cambio climático

O Américan Enterprise Institute, AEI, unha comisión investigadora fundada pola compañía petroleira ExxonMobil e relacionada coa campaña electoral de George W. Bush, ofrécelle a científicos e economistas 10.000 dólares por criticar o informe sobre o cambio climático difundido esta fin de semana pola ONU. Segundo o xornal inglés The Guardian, o instituto enviou unha serie de cartas a expertos de todo o mundo nas que ofrece, aparte do cartos, gastos das viaxes e pagos adicionais a quen escriba artigos nos que sinalen os defectos do informe elaborado polo Panel internacional para o cambio climático. Nas misivas enviadas aos científicos e economistas, asegúrase que a comisión da ONU "chega a conclusións sumarias e insuficientes apoiadas polo traballo analítico".

- 10:21 05/02/2007
Tags:

O AEI, é o que se coñece nos Estados Unidos como un think-thank, unha institución investigadora que ofrece consello e ideas sobre asuntos de política, comercio e intereses militares. A maior parte das veces están relacionadas con laboratorios militares ou empresas privadas. É o caso deste instituto, que recibiu máis de 1,2 millóns de euros da petroleira ExxonMobil e que conta no seu cadro de persoal con 21 persoas que traballaron como asesores para o actual goberno estadounidense.

En declaracións a The Guardian, David Viner, da sección de investigacións climáticas da Universidade de East Anglia, cualifica á iniciativa do AEI de "intento desesperado dunha organización que quere terxiversar as probas científicas en beneficio dos seus obxectivos políticos".

Segundo a ONU a culpa do quecemento global é do ser humano
A ONU presentou o seu informe sobre o cambio climático esta fin de semana en París. Nel destacase que "a maior parte do incremento observado nas temperaturas medias mundiais desde mediados do século XX é, moi probabelmente, debido ao aumento das concentracións de gases invernadoiro causados polo ser humano".

O texto di que a responsabilidade do ser humano neste quecemento é polo menos do 90%. Afirma tamén que para o 2100 a estimación máis optimista sinala un aumento de entre 1,8 e 4 grados na temperatura global do planeta.


0/5 (0 votos)