Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Optimismo entre patronal e sindicatos

A folga do naval poderíase resolver este luns

A patronal debe estudar a proposta presentada por UXT, CC.OO. e CIG para evitar que o paro indefinido se estenda.

Redacción - 17:55 12/05/2007

Os sindicatos que convocaron a folga do naval, UXT, CC.OO. e CIG e mais a patronal do sector amosáronse optimistas de acadaren un acordo o vindeiro luns, cando teñen previsto retomar as negociacións. Deste xeito, poñeríaselle fin á folga indefinida na que se atopan dende o día 3 e evitaríase estendela a todo o ámbito do metal.

Na xuntanza de hoxe, que durou unhas tres horas coa mediación da delegación provincial de Traballo en Pontevedra, os sindicatos amosaron un documento definitivo conxunto no que expoñen os principais puntos onde hai diferenzas. Os empresarios terán toda a fin de semana para estudalo e dar unha resposta o luns ás sete da mañá.

O voceiro dos sindicatos e representante do naval da CIG, Vítor García, explicou que o documento é unha «proposta final» e que non permitirán «que se modifique ningún dos seus puntos». Se a patronal fai algún cambio, non se chegará a un acordo o luns. Tamén dixo que todas as empresas deberán de ratificar que cumpren co contido, como condición para que se desconvoque a folga.

Os principais puntos de avance na negociación foron o cumprimento da porcentaxe de traballadores fixos, do 25% para o 2007, como indica o convenio provincial do metal. En canto aos prazos de recolocación dos traballadores das empresas que incumpren o convenio, García recoñeceu que non é viábel que se produza de xeito inmediato e fixou un prazo de 30 días.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: