Manuel Caamaño, advirte á patronal de que "xa non ten coartada" para non se sentar á mesa de negociación. Por outra banda, a Policía detivo outras dúas persoas pola presunta agresión a un chófer dun microbús. Os sindicatos afirman que son inocentes.
O secretario xeral da Central Unitaria de Traballadores (CUT), Manuel Caamaño, confirmou esta cuarta feira que o seu sindicato "non será un obstáculo" para chegar a un acordo coa patronal, e pór fin á folga indefinida do sector do naval.
Caamaño criticou que a patronal pretenda "utilizar a CUT como coartada" para non se sentar a negociar unha saída ao conflito. Xa que logo, anunciou que a central sindical se apartará do proceso de negociación, malia formar parte do comité de folga.
Por outra banda, segundo anunciaron representantes sindicais da CIG, é posible que a Administración volva chamar os axentes sociais para retomaren as negociacións nas vindeiras horas. O responsábel do metal deste sindicato, Miguel Anxo Malvido, asegurou que os traballadores que se manifestaron na última xornada "deron mostras dunha gran fortaleza, e os empresarios deben tomar nota".
Os traballadores mantiveron unha asemblea multitudinaria na Praza de América de Vigo, ante milleiros de persoas, que interromperon os discursos dos representantes dos traballadores con berros de "Lume para a prensa" e "Folga xeral".
Apoio de todos os obreiros do metal
Ademais, os delegados dos diferentes sindicatos anunciaron na reunións organizadas á primeira hora nos centros de traballo, que a estratexia de mobilizacións para os vindeiros días incluirá a participación de piquetes para evitar que se fagan horas extras de fin de semana.
Tamén, segundo outras fontes sindicais, é probábel que o resto dos traballadores do metal vigués, non pertencentes ao naval, se unan ás mobilizacións esta mesma semana.
Dous novos detidos
Por outra banda, a xornada transcorreu sen importantes altercados. Cómpre salientar que algúns manifestantes agrediron ao condutor dun microbús de transporte escolar, que, segundo algúns dos presentes, tratou de arrolar aos operarios que cortaban o tráfico.
A Policía detivo dúas persoas en relación con este incidente, segundo confirmaron fontes sindicais, mais foron postas en liberdade á tardiña. Concretamente, un dos manifestantes estivo retido durante dez minutos e o outro foi ceibado ás 17.30 horas.
Fontes sindicais presentes durante o suceso afirman que os acusados non participaron nos feitos e, incluso, "un deles foi arrolado polo bus", motivo que propiciou o posterior incidente. As mesmas fontes encadran as detencións na corrente de "manipulación mediática" que están a sufrir os traballadores en folga.
Ademais, pola mañá, os traballadores taponaron durante media hora as portas do centro comercial El Corte Inglés, impedindo o acceso aos clientes.