"Que se investigue sen límites", conceden desde o PPdeG. "Hai fíos que levan ao PSOE", apunta o BNG. O obxectivo apunta ao ex-alcalde da Coruña.
Sobre o mesmo asunto, o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, afirmou este xoves que confía en que a Xustiza "aclare" o caso "en todos os seus términos". Touriño recoñeceu ademais a súa preocupación por situacións que, subliñou, "producíronse entre 1999 e 2005".
Ao respecto, non quixo pronunciarse especificamente sobre a relación que co caso abrollou sobre os negocios conxuntos do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Fontenla, e o ex-alcalde da Coruña, Francisco Vázquez. Afirmou o presidente que a súa única preocupación está nas "responsabilidades políticas" que lle atinxen á administración, en referencia á implicación nas presuntas irregularidades en concesións do sector eólico do ex director xeral de Industria co PPdeG, Ramón Ordás Badía, e seu cuñado, Luís Castro Valdivia.
Sobre o mesmo tema, desde o PPdeG, Alberte Núñez Feijoo pediu que se investigue "sen límite" a "todos os beneficiarios" e que se busque a todos aqueles que se valeron da política para fins pouco éticos". Por outra parte, desde o BNG, o voceiro parlamentario Carlos Aymerich, declarou para Europa Press que "se hai que pedir responsabilidades, que se esixan e que non se deixen de esixir polo cargo ou condición das persoas implicadas", apuntando que "se é o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, terá que responder como un cidadán máis e se é embaixador no Vaticano, tamén".