Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA REVISA AS CONCESIÓNS

O "caso Vázquez" acelera a revisión das irregularidades no negocio eólico e hidroléctrico

O conselleiro de Industria xa se pronunciara esta semana criticamente sobre o momento en que lle fora feita concesión á empresa Hidroeléctrica do Arnoia, controlada pola familia do aínda alcalde coruñés Francisco Vázquez, e adxudicada no gume do legal polo executivo en funcións de Manuel Fraga. Ao fío das informacións publicadas por La Opinión, desde o BNG subliñan que "o entramado de intereses empresariais e económicos co que se relaciona ao polo momento, alcalde herculino", fai necesaria a comparecencia urxente do conselleiro no Parlamento galego para explicar polo miúdo o asunto.

- 11:37 16/02/2006
Tags:

"O proxecto ao parecer foi aprobado no penúltimo Consello da Xunta do goberno do PPdeG cando figuraba como socio desta empresa hidroeléctrica o irmán político do entón Director Xeral de Industria, encargado, xustamente de supervisar os proxectos eólicos e hidroeléctricos", lembran desde o BNG ao tempo que solicitan a comparecencia de Fernando Blanco, conselleiro de Industria para "botar luz" sobre as presuntas irregularidades neste proceso. Lembrámoslles que segundo relatou estes días o xornal coruñés La Opinión, a muller e os fillos de Francisco Vázquez controlan o 50% de Hidroeléctrica do Arnoia a través da sociedade Iglevaz, e que na empresa tamén teñen cota Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, e Luis Castro Valdivia, cuñado de Ramón Ordás Badía, que desde entre 1999 e até xullo de 2005 foi director xeral de Industria.

O caso é exemplo do elevado número de escuras irregularidades no proceso de concesión de aproveitamentos eléctricos e de parques eólicos realizado polo anterior goberno. Ao respecto, desed a consellaría de Medio Ambiente xa anularon corenta proxectos hidroeléctricos nos últimos meses, e o departamento de Manuel Vázquez negocia agora a paralización de proxectos de construción de minicentrais que lle foran concedidos polo anterior goberno a outras 38 empresas e que aínda non están en funcionamento.

Do mesmo xeito se decidiu desde a consellaría de Industria frear a investigación de máis dun cento de parques eólicos asignados pola administración galega para a súa explotación municipal dos que agoiran desde a Xunta que moitas veces foron froito de especulación a través de procesos inmediatos de revenda logo da obtención da licencia. Máis aínda, destaca o desbalde que se produciu coas concesións formalmente destinadas á dinamización do tecido industrial do rural galego que foron obxeto destes manexos outorgándose a cambio de mínimas contraprestacións.

Sobre as acusacións e o caso concreto que vencella con estas irregularidades ao alcalde da Coruña, pronunciouse este mércores o presidente da Xunta, Manuel Fraga, quen logo de efusivos saúdos co rexedor herculino ao tempo que era nomeado Cabaleiro de Honor de María Pita, asegurou que "todo o que se fixo, fíxose ben", sentenciando "eu non sei nada máis". Sobre o tema, o voceiro municipal do PPdeG, Fernando Rodriguez Corcoba, pediu que Vázquez dea explicacións sobre os negocios da familia antes de marchar á embaixada do Vaticano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: