O presidente de Bolivia amosou este venres a súa intención de convocar en 2008 eleccións xerais logo de que se aprobe a nova Constitución.
Morales foi nomeado presidente en xaneiro de 2006
"Si, eu teño pouco tempo, porque pedímoslle á Asemblea Constituínte que remate este ano. Que acabe este ano e ao seguinte (2008) ten que haber novas eleccións para que haxa novo presidente” anunciou Morales este venres nun discurso celebrado na provincia de Santa Cruz.
O actual presidente tomou posesión do seu cargo o pasado 22 de xaneiro de 2006 logo de gañar as eleccións co 54 por cento dos votos. O 6 de agosto instaurou unha Asemblea Constituinte co obxectivo de redactar unha nova Constitución Política do Estado Boliviano. Está previsto que a asemblea remate a súa labor un ano despois da súa creación, aínda que a aprobación do novo texto podería demorarse até finais de 2007, xa que aínda hai numerosos temas pendentes.
Segundo recolle a prensa local, Morales asegurou no seu discurso que se lle acaba o tempo de gobernar e anunciou que tentará aproveitar cada momento da súa xestión para servir ao pobo.