"De aquí e diante as nosas terras e bosques xa non serán nunca máis motivo de lucro banqueiro mentres os pobos indíxenas son condenados á pobreza", afirmou Alejandro Almaraza, viceministro de Terras e un dos redactores desta reforma lexislativa que vén de aprobar o Senado de Bolivia. O goberno boliviano revisará así as zonas de propiedade privada que foron adquiridas ilegalmente ou que non cumpren unha fin económica ou social. Estas terras seranlle traspasadas a organizacións sociais e comunidades indíxenas. O Instituto Nacional de Reforma Agraria, INRA, analizará imaxes vía satélite e fotos aéreas para definir as superficies afectadas, e haberá un labor de inspección cada dous anos. O executivo calcula que inicialmente serán arredor de dous millóns e medio de hectáreas a redistribuír.