O primeiro presidente indio de Bolivia comentou esta semana que desaparecerá o chamado ministerio de Asuntos Indíxenas e Pobos Orixinarios e o da Muller. Evo Morales explicou que consideraba "unha forma de discriminación" a existencia destas dúas carteiras e que agora non serán precisas porque "haberá indíxenas e mulleres" no novo gabinete e as medidas en seu favor enchouparán todas as políticas do executivo. Con maioría do Movemento ao Socialismo nos escanos, o Congreso proclámao oficialmente presidente este venres, antes da festa de toma de posesión deste domingo. Morales criticou estes días os obstáculos que está habendo nalgúns departamentos no traspaso de poderes do anterior goberno.