O voto a favor de tres senadores da oposición permitiu que a Cámara Alta de Bolivia desbloquease por fin a aprobación da controvertida reforma agraria. A lei sancionada na noite deste martes habilita o repartimento masivo de terras improdutivas. O proxecto de Lei de Terras, que xa contaba co respaldo da Cámara dos Deputados, é unha das promesas electorais de Evo Morales. O presidente ameazou nos últimos días con aprobar a lei a través dun decreto presidencial. O documento contempla unha reversión ao Estado duns 200.000 quilómetros cadrados de terras improdutivas ou ilegalmente apropiadas, para logo ser entregadas a campesiños con poucos recursos ou comunidades indíxenas.