A revista Forbes publicou este venres a súa habitual lista das persoas máis ricas do mundo. Ademais do dono de Inditex, dous galegos máis ocupan postos de honra no ranquin.
O empresario coruñés Amancio Ortega ocupa o oitavo posto da lista publicada pola revista financeira Forbes, que inclúe a todas aquelas persoas que posúen unha riqueza maior dos 1.000 millóns de dólares (762 millóns de euros). O galego entra así no ‘club’ dos dez homes máis ricos do mundo. No 2006 ocupaba a vixésima terceira posición do ranquin, cunha fortuna de 11.000 millóns de euros.
Segundo informa a nova lista, Ortega xa posúe unha riqueza de 18.000 millóns. Ademais de ser o primeiro empresario do estado na lista, o dono de Inditex ocupa a cuarta posición no ranquin de europeos.
Ortega non é o único galego na lista elaborada por Forbes. Manuel Jove, até agora presidente da construtora Fadesa, atópase agora no posto 249 con 2.600 millóns de euros. Pola súa parte, Rosalía Mera, cofundadora de Zara, con 2.580 millóns sitúase no 287.
A lista segue a estar liderada por décimo terceiro ano consecutivo por Bill Gates, dono de Microsoft, con 38.000 millóns de euros.