As bandeiras azuis son outorgadas desde hai unha década en exclusiva pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (
ADEAC), representación a nivel estatal da Fundación Europea de Educación Ambiental (
FEE). Anteriormente, as chamadas 'Bandeiras azuis' levaban o distintivo da Unión Europea, lucindo as estrelas da bandeira oficial. Mais, recordan desde Amigos da Terra, a UE retiroulle o apoio hai dez anos e quen daquela era comisaria de Medio Ambiente, a sueca Margot Wällstrom, explicou que a decisión se debía ao "escaso rigor da súa concesión e dos seus mecanismos de control".
Neste contexto, para os ecoloxistas, as bandeiras azuis estanse percibindo erroneamente como condecoracións a praias que supostamente cumpren todos os criterios ambientais e gozan de ecosistemas ben conservados: "Algo moi lonxe da realidade", advirten. "Pretenden vendernos a moto", láianse desde
Amigos da Terra, analizando que os criterios para a súa concesión semellan ser a aptitude para o baño e os servizos do areal. Deste xeito, unha praia podería estar contaminada con metais pesados "pero se as análises din que é apta para o baño e conta con moitos servizos, recibe a súa bandeira azul sen máis miramentos".
Quen controla e avala? Por este motivo os ecoloxistas pregúntanse quen financia, controla e avala as distincións aos areais. Ao tempo, ironizan ao respecto do feito de que Galiza, reiteradamente denunciada nos últimos tempos pola UE debido á contaminación do litoral do país, os déficits na depuración das augas e os problemas urbanísticos apareza cada verán con máis bandeiras azuis nas praias. "Como se explica esta evidente contradición?", inquiren desde a asociación ambiental.
De forma concreta mencionan o caso de Vigo, onde a UE ameaza con elevado castigo económico polos vertidos contaminantes á ría e os problemas de saneamento e á vez a zona aparece con oito bandeiras azuis este ano. Recordan que as análises das augas non están expostas ao público na praia e que son realizadas polos propios municipios ou a Xunta sen contraste por parte de organismo independente. "Canto lle custa, directa e indirectamente, a un concello cada bandeira?", pregunta Amigos da Terra.