Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O urbanismo enfronta os grupos parlamentarios

Sen prórroga para a protección do litoral, volta á "lei da selva"

O PP di que a lei dos 500 metros non serviu de nada. PSdeG e BNG vena máis necesaria ca nunca e tamén acusan a Xunta de desmantelar a Axencia de Protección Urbanística.

Redacción - 19:15 28/04/2010

Ábreselle outra vez a porta "aos depredadores urbanísticos", laiábase esta cuarta feira Mar Barcón, coordinadora de Territorio do grupo parlamentario do PSdeG, logo de que a maioría absoluta do PP tombase unha iniciativa do seu partido en favor da moratoria da protección dos 500 metros até que sexa aprobado o prometido Plan de Ordenación do Litoral.

Volvía así á actualidade a aprobación en 2007 da lei de medidas urxentes para a protección do litoral impulsada polo bipartito e que fora prorrogada en primeira instancia polo actual executivo. A que Barcón cualificou como a decisión "máis transcendente" en prol dunha costa protexida "viva e rica" no canto dunha "franxa degradada, agochada detrás de milleiros bloques pantasmas coa que ameazaba en terse convertido". Mais a norma non será prorrogada, na confirmación dunha postura do PP que en opinión dos socialistas indica que evitan protexer o litoral "dos depredadores urbanísticos".

Diferente é a interpretación do grupo parlamentario do PP, desde onde o seu voceiro en materia de Ordenación do Territorio, Román Rodríguez, considera que son os socialistas os culpábeis de non aceptar a proposta do PP "que defendía instar á Xunta a garantir a protección da franxa costeira ata a aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral". Argumentou o deputado do PP para xustificar a negativa á ampliación da lei dos 500 metros que o goberno actual opta por "protexer e ordenar e non prohibir". Segundo Román Rodríguez os populares deseñarán desde o goberno "un marco e unhas regras claras, que acheguen seguridade xurídica".

Tamén en cuestión a Axencia de Protección Urbanística
Obxecto de enfrontamento foi tamén a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), iniciativa que malia aparecer no papel xa na altura de 2002 non foi explicitada até a chegada da coalición de socialistas e nacionalistas. Así o recordaba a voceira do BNG neste eido, Teresa Táboas, recordando que diante da única demolición efectuada durante os 16 anos de Manuel Fraga no poder, a chegada do bipartito e a entrada en funcionamento da APLU supuxeron en só ano e medio que se ordenasen 52 demolicións de edificacións ilegais.


Táboas defendeu a capacidade do bipartito de enfrontar o "urbanismo feroz", garantindo a independencia e o orzamento da APLU e laiouse de que o novo executivo está desmontando o traballo iniciado nese sentido. Para a deputada nacionalista trátase dun organismo "máis necesario ca nunca" para introducir "rigor e independencia" diante do que cualificou de "desnorte" e regreso á "lei da selva".

En igual sentido se pronunciou a socialista Mar Barcón, acusando o PP de realizar un "ataque frontal" e pretender "o desmantelamento" da APLU. Para os socialistas o cese da directiva e o cambio de estatutos sen consenso imposto pola Xunta buscarían "convertela nun órgano de sometido ao control partidista do PP". Unha estratexia de "debilitación e sometemento" que segundo Barcón comezou cando o organismo asinou en setembro pasado un convenio coa fiscalía para compartir información e que supuxo entre outros o intercambio de expedientes como o do concello de Barreiros.


3/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: