Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE MARISCADORES E ESQUERDA UNIDA

A Xunta quere comercializar o marisco do Burgo sen rexenerar primeiro a ría

Rexeitan a moratoria solicitada polo Goberno e denuncian que agocha a súa intención de deixar de sufragar a limpeza da ría.

Redacción - 12:10 26/05/2010

A Xunta de Galiza solicitou á Unión Europea que autorice a venda do marisco da ría do Burgo despois de pasar por un proceso de depuración de sete días (a depuración dun marisco sen contaminar non supera normalmente as dúas horas). Esta medida, que defende a Consellaría do Mar como un impulso ao sector é rexeitado totalmente polos mariscadores, que entenden que non é máis que un parche.

“Detrás desta moratoria agóchanse as intencións da Xunta de deixar de pagar as axudas pra a limpeza da ría”, explica Manuel Cao, patrón maior da Confraría, “o que quere é eludir a súa responsabilidade na rexeneración dos bancos marisqueiros”. Ademais, os mariscadores destacan que este método de depuración intensiva que agora propón a Xunta “aínda non está contrastado”, polo que entenden que supón “un risco que o produto chegue ao mercado nun estado non desexábel”.

“A depuración intensiva non é a solución”, explica Manuel Valdomir, presidente do Marisqueo a pé, quen adiantou que “non vamos a sacar ameixa até que se rexenere a ría”. Ademais, alerta de que, durante este proceso de depuración, é previsíbel que o produto perda calidade, que se encareza o custe de produción e, en consecuencia, reducirase o prezo en orixe.

A rexeneración da ría, a debate na UE
Esquerda Unida presentou hai un par de semanas unha pregunta no Parlamento Europeo para coñecer en que punto se atopa o estudo da moratoria e se estará completamente garantida a salubridade e a calidade do marisco. O secretario de organización de EU, César Santiso, denuncia, por outra parte, a “parálise institucional que está a provocar a inacción dos distintos organismos implicados, tanto concellos, como a Xunta como o goberno español.

Entende que con esta moratoria “se obvia o problema principal que é o deterioro ambiental que ten a ría, cun alto grao de contaminación por mor dos verquidos incontrolados que realizan distintas empresas como ENCE e os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros”. Santiso pediu “o control dos verquidos, a súa inmediata paralización e a posterior rexeneración da ría, para recuperar o espazo natural, mellorar a biodiversidade e recuperar a fonte de riqueza dos mariscadores”.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: