A representante do BNG, Ana Miranda, foi a autora da pregunta que levou á Comisión Europea a pedir que se cumpra o prazo para o saneamento.
A Comisión Europea vai acudir ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) se non se resolven os problemas de contaminación que máis dunha vez denunciaron os ecoloxistas e os mariscadores da Ría do Burgo e da zona costeira ao oeste da cidade da Coruña, provocados pola falta de depuradoras.
Isto foi o que expuxo esta cuarta feira o comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas, en resposta a unha pregunta parlamentaria que lle formulou a voceira do BNG en Bruxelas e vicepresidenta da Alianza Libre Europea, Ana Miranda, apoiada polo eurodeputado do PNV, Josu Ortuondo, e o de CiU, Ignasi Guardans, da alianza Galeuscat. Na súa quenda de réplica, Miranda lembrou que "é preciso que o prazo -até finais de 2009- se cumpra", acrecentando que debe o Estado encargarse da construción da nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais), así como das consecuencias "socioeconómicas e ambientais" que se deriven desta situación.
A ría ten un grao de contaminación que supera os estándares europeos
A denuncia sinalaba que a Ría do Burgo soporta un grao de contaminación que pasa os límites estabelecidos pola normativa comunitaria, debido aos vertidos incontrolados de diferentes industrias da zona, e a falta de colectores que os paren e os subsanen. Ao parecer, segundo as denuncias presentadas, hai máis de 80 tubos vertendo directamente na ría produtos poluíntes, o que afecta especialmente á cría de moluscos.
Na súa resposta, o comisario de Medio Ambiente explicou que as exixencias que estabelece a normativa europea en materia de tratamento de augas residuais "non se respectaron nesta zona", pese a que o prazo para facelo terminou. Segundo Dimas, as medidas para paliar esta situación están, en parte, terminadas, e, por outro lado, "en fase de construción", xa que a depuradora conxunta -desenvólvena os concellos da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo- terminarase, segundo o comisario, ao longo deste ano.
Porén, xa non é a primeira vez que a Comisión Europea lle ten que chamar a atención ao Estado Español pola falta de sistemas de depuración axeitados en máis de 400 municipios, entre eles este caso, sinalado na comarca da Coruña. Por isto, o responsábel europeo do Medio sinalou que a Comisión vai continuar co procedemento xurídico, remitíndolle o asunto ao Tribunal de Xustiza de Luxemburgo. Todo isto dixo o comisario, deixando claro que o financiamento da construción das depuradoras debe saír do peto do Estado membro, aínda que pode empregar fondos europeos.