Un deles foi trasladado ao hospital con numerosas contusións.
Unha manifestación autorizada dos mariscadores do Burgo acabou na mañá deste luns con tres persoas feridas por mor dunha dura carga policial. Un dos feridos tivo que ser trasladado en ambulancia a un hospital ao presentar numerosas contusións.
Segundo lle explicou a Vieiros o sindicalista Paulo Carril (CIG) a manifestación, na que participaban preto de cen persoas, partiu da ponte da Pasaxe e en ningún momento houbo incidentes que xustificasen a actuación policial.
Os mariscadores quéixanse que dende o pasado mes de setembro non teñen autorización para faenar nin a pé nin en embarcacións na ría do Burgo. A Xunta tomou a decisión debido á contaminación que sofre. Pesca aínda non foi quen de chegar a un acordo cos mariscadores para ver o xeito de recuperar a ría e estabelecer indemnizacións.