A compañía galega Sixtema pon en marcha unha rede social para crear e compartir mapas e rutas. Falamos cun dos seus creadores, Alejandro Lamas.
Unha das moitas posibilidades de ikiMap
Acábase de lanzar en aberto na internet ikiMap, unha rede social para crear e compartir mapas e rutas. O proxecto, creado pola empresa galega Sixtema, está a ser un éxito, con máis de 1.200 persoas rexistradas de todo o mundo. Nos vindeiros días estará dispoñíbel tamén en galego, ademais do inglés e do castelán. Falamos cun dos seus creadores, Alejandro Lamas.
Como naceu ikiMap?
Sixtema somos unha consultora informática. Unha das nosas liñas de traballo son os sistemas de información xeográfica -mapas, cartografía e deseño de ferramentas GIS-. Cando Google lanzou Maps e Earth, supuxo unha pequena revolución para nós, porque trasladou á rede ferramentas que antes só estaban dispoñíbeis no escritorio. Xa hai anos, pareceunos interesante dispoñer dunha ferramenta para publicar os nosos mapas -como rutas, usos do solo, fincas...- e tamén había unha carencia dun repositorio común dende onde acceder a esa información. Pareceunos interesante desenvolver algo así. Ese foi o comezo en papel. Levou o seu tempo, até que se plasmou na web. Apareceron servizos que solaparon aspectos de ikiMap, o que fixo que tivésemos que reorientar varios asuntos. Así que optamos por darlle un enfoque social: pódese valorar, comentar, engadir novos mapas... Creamos unha rede social arredor da cartografía.
E como está a funcionar?
Está funcionando sorprendentemente ben. En febreiro botou a andar ikiMap en fase de beta privada. Contabamos con ter unha masa crítica de usuarios para poder probar o seu funcioamento. Desbordouse o número de peticións, superando as dúas mil. Despois de pouco máis de dous meses en fase beta, hai uns 10 días puxémola en aberto e xa ten máis de 1.200 usuarios rexistrados. Estamos moi satisfeitos.
Cales son os principais usos que se lles están a dar aos mapas?
Estamos a ver que se empregan sobre todo para compartir rutas de viaxe e de vacacións. Ofrécense perfís de excursións en bicicleta ou os percorridos que se fan ao practicar deporte. Por outra banda, hai un grupo elevado de mapas relacionados co medio ambiente: o vertido de petróleo no golfo de México, a extensión das cinzas do volcán islandés... Son os temas de máis actividade, pero hai absolutamente de todo: fotos panorámicas, composicións artísticas... unha gran variedade.
A cartografía e os mapas son unha tendencia de futuro na rede?
É un camiño de futuro ou, máis ben, de presente, grazas a Google Maps, que popularizou estes servizos de información xeográfica, e tamén ao GPS. Actualmente non é raro atopar alguén que o leve no coche. Son dous factores que achegaron á gran maioría do público os mapas e a cartografía en xeral. A partir de aí, arredor do ano 2006, comezaron a medrar os usuarios e iso fixo que a presenza de mapas, xeolocalización, realidade aumentada, estean nos proxectos das principais redes: Twitter, Facebook, Yahoo, Microsoft... Iso é o mellor indicativo de que haxa interese neste campo.