Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Comisión lingüística

A AGAL adapta a súa normativa ao Acordo Ortográfico

As mudanzas, que supoñen, principalmente, a supresión dalgúns grupos consonánticos, pretenden unificar os usos escritos do galego reintegracionista.

Redacción - 10:00 27/04/2010
A xuntanza tivo lugar o sábado / Pglingua.org

A xuntanza tivo lugar o sábado / Pglingua.org

A Comisión Lingüística da Associaçom Galega da Língua (AGAL) aprobou na sesión desta fin de semana introducir mudanzas normativas para seguir o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa de 1990. Será a modificación máis importante dende a súa formulación, hai 27 anos.

O proceso de adaptación da proposta reintegracionista ao acordo levou nove meses de traballo. O presidente da Comisión Lingüística, Carlos Garrido, lembrou que cando asumira o cargo xa se comprometera a actualizar a normativa.

As principais mudanzas que introduce o acordo ortográfico son a simplificación de moitas palabras que usan grupos cultos -cc-, -cç-, -ct-, -pc-, -pç- e -pt-, a supresión dalgúns acentos diacríticos, o uso do trazo na unión de palabras compostas e a recuperación do -n final en cultismos graves e esdrúxulos.

O aspecto que máis destacou a Comisión foi que, ao contrario do que acontece coas duplicidades entre Portugal e o Brasil, no caso galego só se recoñece unha forma para cada palabra, sexa co grupo consonántico conservado ou simplificado, aínda que tendendo a esta última opción, como no caso da palabra "infecioso". Aínda queda por diante un prazo de dúas semanas para realizar correccións menores ao texto da normativa, que despois será divulgado para o coñecemento da sociedade galega.

Garrido valorou a actualización ortográfica como "importante" porque concilia a "necesaria adopción na Galiza do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa", xa feito oficial tanto no Brasil como en Portugal. Ademais, a mudanza normativa pretende "homoxeneizar a práctica escrita dos galegos reintegracionistas, pois as persoas que xa optaban por adoptar unha ortografía converxente coa portuguesa viñan usando o Acordo Ortográfico dende hai tempo.

O presidente da AGAL, Valentim Rodrigues Fagim, salientou que esta ortografía común tamén "permitirá aínda chamar a atención para a pronuncia de palabras que nos medios de difusión social e nas elites galegas son pronunciados vía de regra á castelá".

Por outra banda, na reunión da Comisión Lingüística aprobouse a incorporación do profesor Eduardo Sanches Maragoto, que traballa actualmente de profesor de portugués na EOI de Compostela.


4,33/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: