A Associaçom Galega da Língua presenta un libro que recolle artigos do intelectual sobre o idioma, así como achegas de investigadores e intelectuais.
A Biblioteca 'Ánxel Casal' será escenario esta quinta feira, a partir das oito da tarde, da homenaxe que a Associaçom Galega da Língua lle renderá a Isaac Díaz Pardo. Será a través da presentación do libro Isaac Díaz Pardo e a língua. Na obra, o presidente da AGAL escribe que Díaz Pardo "é um desses milagres que se produzem por fortuna de quando em vez neste país para que sigamos a ter esperança".
No libro inclúense tamén os traballos "Vida e obra de Isaac Díaz Pardo" de José Maria Casariego Guerreiro, "Isaac Díaz Pardo e a Memória Histórica" de Isaac Alonso Estraviz (Universidade de Vigo), "A Dignidade de Díaz Pardo" de José Paz Rodriguez (Universidade de Vigo), "Isaac Díaz Pardo, um dos bons e generosos, devidamente acreditado" de Alexandre Banhos (presidente de AGAL) e "A nossa língua vista por Isaac Díaz Pardo" de José-Martinho Montero Santalha (Universidade de Vigo).
O volume inclúe tamén 16 textos do propio Díaz Pardo, nos que o intelectual trata o tema da lingua, publicados en La Voz de Galicia e no libro Galicia hoy y el resto del mundo. Finalmente a obra inclue unha entrevista, realizada por Sole Rei e publicada orixinariamente no Novas da Galiza, baixo o título "O Galego está a morrer, se nom se abrir à naçom irmá, que pode sustentá-lo, nom vai ficar em nada".