O intento de destitución foi freado polos accionistas defensores do intelectual, que argumentaron un defecto de forma na convocatoria da xunta.
Entre os accionistas do Instituto Galego da Información presentes onte na xunta atopábanse coñecidos representantes da política, as letras ou o xornalismo, como Camilo Nogueira, Xesús Alonso Montero, Euloxio Ruibal, Xusto Beramendi ou Luís Álvarez Pousa. Varios deles foron o principal apoio de Díaz Pardo, argumentando durante horas ao seu favor, do seu labor á fronte de Sargadelos e do IGI e en defensa do proxecto orixinal que representan.
O seu obxectivo era conseguir que a asemblea de accionistas non adoptase decisión ningunha sobre a continuidade do intelectual, baseándose nun defecto de forma: unha asemblea convocada por mandato xudicial non ten competencia para tomar ese tipo de decisión. En consecuencia, na acta só figurará unha leve crítica á xestión de Díaz Pardo, por non presentar as contas de 2006 e por non ter convocado a asemblea ordinaria de accionistas a tempo. De momento, polo tanto, continuará como conselleiro delegado do IGI. Toda unha vitoria.