O Instituto Galego da Información naceu en 1977 impulsado por Sargadelos para sacar á rúa o 'Galicia' xornal galeguista e progresista. Un proxecto inacabado.
O Galicia naceu na cabeza de Lorenzo Varela unha vez que regresou a España dende o seu exilio americano; o poeta dedicou os seus derradeiros meses de vida a tentar construír esta idea, poñéndose en contacto co resto da intelectualidade galega. Aínda en 1977 a Fundación Penzol e o Laboratorio de Formas de Galicia recolleron a luva, e nomearon unha comisión encargada de elaborar un proxecto, formada por Alonso Montero, Celestino Fernández de la Vega, Isaac Díaz Pardo, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Rodríguez Pardo, Luís Seoane e o propio Lorenzo Varela. Finalmente, o 26 de novembro de 1977 constituíase no Museo Carlos Maside a sociedade “Instituto Galego de Información, S.A.”.
O proxecto asentábase sobre unha serie de principios, como a súa rendibilidade e o obxectivo da mobilización da vontade colectiva. Outro dos grandes obxectivos era “influír nos medios de comunicación, estabelecendo un diálogo constante con todos os sectores do pobo galego para recoller o seu pulo creador”. Decidiuse tamén que se redactaría en galego, que se chamaría Galicia, en lembranza da cabeceira que Paz Andrade realizara en Vigo nos anos vinte, e que sería un xornal concibido para todo o país, sen localismos nin provincianismos e que estaría localizado en Santiago de Compostela.
Esta última decisión provocou un retraso de máis de tres anos, pois foi necesario conseguir unha declaración de interese social para poder construír as instalacións nos terreos adquiridos, no canto de facelo no Polígono do Tambre. Esa declaración non chegou até 1981, momento no que puideron comezar as obras do proxecto ideado por once destacados arquitectos accionistas do proxecto.
Non viu a luz
Porén, o Galicia nunca viu a luz. A súa saída foise adiando, malia a que periodicamente seguíronse realizando as xuntanzas dos centos de accionistas da sociedade, entre os que se contaba gran parte da intelectualidade galega. Houbo quen acusou ao Galicia de "non ter os pés na terra" e de partir dunha "debilidade obxectiva", debida a "visións moi idealistas, moi fóra da realidade social e empresarial do país". Debilidade empresarial e erros de concepción do proxecto dende o seu inicio.
Para outras opinións, os responsábeis do fracaso do Galicia teñen nome e apelidos: Piñeiro, García Sabell, e unha boa parte dos chamados galeguistas históricos. En primeiro lugar, García Sabell, que en 1981 converteuse en Delegado do Goberno; e o que podería ser un factor de apoio para o medio converteuse nun factor que bloqueou totalmente a idea, debido entre outras cousas á integración dese sector galeguista nas estruturas políticas e institucionais do Estado, primeiro na órbita de UCD e despois do PSOE. Ademais, ese sector de galeguistas históricos foi atraído tamén por La Voz de Galicia, que lles ofreceu as súas páxinas e a súa atención informativa. O proxecto do Galicia foi aparcado pouco a pouco, até esmorecer por completo.