Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS USC

"A maquinaria da USC ao servizo da investigación", comprométese Fernández Prieto

Defende o desenvolvemento dun Plano Estratéxico neste eido, que mellorará a captación de recursos e dos mellores talentos para poñelos ao servizo do país.

Redacción - 19:15 19/04/2010

A dúas semanas das eleccións na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lourenzo Fernández Prieto presentou a súa estratexia de investigación e internacionalización, recollida na súa candidatura. O catedrático de Historia Contemporánea adiantou que porá “a maquinaria da USC ao servizo de todos os investigadores” e comprometeuse a promover, nos seis primeiros meses de mandato, un Plano Estratéxico de Investigación.

Esta planificación partiría da premisa de mellorar a captación de recursos estatais e europeos, “garantindo a sustentabilidade da infraestrutura investigadora da USC”. Neste tema, apuntou como un eixo importante “o favorecemento das alianzas internas para competir por eses recursos” e “a construción dunha estratexia estábel na busca de socios na sociedade civil”. Tamén avogou por planificar o desenvolvemento das infraestruturas “con criterios rigorosos”: “trátase de evitar investimentos insostibles, na lóxica de colocar á xente, aos equipos de investigación, antes que os edificios”, dixo.

Aposta polas Ciencias Sociais e as Humanidades
Na mesma liña, Fernández Prieto asegurou que apostará por “accións decididas e concretas no impulso das estratexias investigadoras nas Ciencias Sociais e Humanidades, para tirar proveito de todas as capacidades da institución no ámbito investigador. Tamén reiterou a importancia de potenciar a captación dos mellores talentos a través dos programas dispoñíbeis de recursos humanos (Parga Pondal, Ramón y Cajal, Marie Curie ou similares).

Finalmente, adiantou a súa pretensión de potenciar na investigación as apostas estratéxicas vinculadas aos intereses do país, aglutinando aos sectores socioeconómicos de Galiza, como o Campus Agrario de Lugo. Asegurou que “debe converterse nunha referencia europea na xeración de coñecemento, tecnoloxía e innovación arredor do agro como sector produtivo e do mundo rural como espazo social e territorial”.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: