Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS USC

Fernández Prieto aposta por recortar o equipo de goberno, para "reducir a burocracia inútil"

Presentou o seu programa ao reitorado, que pivota sobre cinco principios: “universidade pública, compromiso, codecisión, calidade e país”.

Redacción - 17:45 08/04/2010

“Estamos na fin dun modelo de universidade nacido hai 25 anos”. Con esta frase que alude á necesidade de mudanza presentou Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) o seu programa para concorrer ás eleccións ao reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O catedrático de Historia Contemporánea debullou os que considera cinco principios que guiarán a súa proposta, algúns dos cales xa adiantara a Vieiros: “universidade pública, compromiso, codecisión, calidade e país”.

Planificación máis eficiente
Ademais de adiantar que entre os retos a superar se atopan o de enfrontar a crise económica “con intelixencia” e o de definir unha nova “política científica estratéxica que remate cunha forma de entender a política de investigación como sinónimo de acumulación de recursos”, Fernández Prieto apostou por un goberno máis eficiente, no que “haberá menos burocracia inútil, máis participación para todos e máis diálogo”.

Nesa liña, comprometeuse a formar unha equipa de goberno máis pequena, “pensada para gobernar e non para representar intereses”, que se concretaría en sete vicerreitorías, o que suporá un total de 10 membros (ao engadirlles a Secretaría Xeral, a Xerencia e o propio reitor). Tamén adiantou que estabelecerá un Comisionado para a Internacionalización, adxunto ao reitor e con rango de vicerreitoría, polo seu carácter transversal.

Máis participación, tamén dos estudantes
Fernández Prieto di apostar por unha “mellor comunicación na Universidade”, para que “se dea o debate necesario arredor das decisións estratéxicas”. Neste sentido, fixo especial fincapé na necesaria participación dos estudantes: subliñou a necesidade de garantila nos niveis e canles xa existentes (como as comisións de seguimento das titulacións ou os órganos colectivos ordinarios), mais asumiu o compromiso de constituír un ámbito consultivo de representación permanente conformado polas asociacións e grupos con presenza no Claustro, os órganos de goberno das residencias e colexios e os 24 centros.

Sentido de país
Ademais de defender unha universidade pública e de calidade, menos dependente da Xunta e “con máis suficiencia financeira”, Prieto falou de “abrir as xanelas da Universidade para que entre o aire fresco da sociedade e do país”. Así, apuntou á reforma do Consello Social da USC, para convertelo nun órgano de asesoramento efectivo e ampliar os sectores sociais representados.

Finalmente, pediu un debate entre os sete candidatos á reitoría, para que os 35 mil votantes convocados teñan unha campaña baseada na “fórmula do contraste de ideas”.


3,75/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: