Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOBRE O TRASLADO DA CELULOSA

A APDR piden transparencia na negociación entre a Xunta e Ence

Exixen que se fagan públicas as ofertas e contrapartidas que ofrece o Goberno para a nova situación da fábrica de Lourizán.

Redacción - 19:15 14/04/2010

Logo do anuncio do conselleiro de Medio Ambiente de que Ence está a estudar o seu traslado de Lourizán para outra zona da mesma comarca, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) exixe transparencia nas negociacións.

Lamentan que a Xunta deixe, pasivamente, nas mans dos responsábeis empresariais “calquera solución de futuro” e critican as declaracións nas que o conselleiro, Agustín Hernández, dicía que “debe ser Ence quen propoña á Xunta o que cre que debe solicitar para o seu traslado”. A APDR pide que estas conversas se fagan públicas e que se dean a coñecer as ofertas que está a facer o Goberno e “as contrapartidas” que está a ofrecer, “en forma de incentivos ou achegas económicas”.

Ademais, recordan que a data límite para a saída das celulosas de Lourizán está fixada en 2018 polo goberno central en función da Lei de Costas e lamentan que a Xunta se queira atribuír esa decisión. Subliñan que o traslado non só ten que ver coa necesidade de liberar o litoral ou coa protección da paisaxe, “como ENCE quere facernos crer” senón que “todas as análises realizadas por laboratorios independentes e pola administración” demostran que contaminan a Ría de Pontevedra cos seus verquidos.

Finalmente, a APDR defende que “se Ence deixa Lourizán no 2018 non só non poderá recibir nada a cambio, senón que terá que deixar a zona tal e como estaba no momento da súa instalación alá polos anos 50 do pasado século”.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: