Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES AUMENTAN OS CASOS DE DISCRIMINACIÓN

A Xunta deixa a formación dos inmigrantes en mans de empresas privadas

O Foro Galego de Inmigración denuncia a retirada de subvencións públicas para os cursos e a súa concesión "a dedo" a sociedades privadas.

Redacción - 18:10 14/04/2010

“Non podemos máis que facer unha valoración crítica da política que a Xunta ven desenvolvendo en temas de inmigración”, di Miguel Fernández, do Foro Galego de Inmigración (FGI). Entre as críticas que lle fan ao Goberno cando se cumpre un ano de lexislatura destaca a retirada da convocatoria de subvencións públicas para as accións de formación dirixidas a inmigrantes e de intermediación cultural.

Segundo explica Fernández, eliminouse esta convocatoria e “mediante un proceso apresurado e sen as debidas garantías de concorrencia en igualdade de oportunidades” contratou estes servizos a empresas privadas seleccionadas “a dedo”. Aínda máis, neste proceso excluíuse “de forma caprichosa as entidades que amosamos a nosa disconformidade”. A maiores, o FGI denuncia “unha diminución importante dos recursos dirixidos cara ao colectivo inmigrante”.

Ademais, o Foro lamenta a negativa constante, despois de varios intentos, por parte do secretario xeral de Emigración a manter encontros ou xuntanzas con representantes deste colectivo, representativo das asociacións e entidades que traballan con inmigrantes en Galiza. Tamén denuncian o “abandono definitivo do Plano Autonómico de Inmigración, que xa desenvolvera pouco o goberno anterior”.

Incremento da discriminación
Fernández tamén lamentou o incremento de “actitudes discriminatorias cara aos inmigrantes”, que achaca á crise económica, mais tamén a unha crecente oposición por parte da propia administración, na que se enmarcarían actuacións policiais ou discriminacións detectadas en centros educativos ou centros de saúde, por exemplo.

En concreto, denunciaron a situación das familias afectadas polo accidente do pasado 6 de abril na Golada, no que morreron tres inmigrantes (dous romaneses e un marroquí) que viñan de traballar toda a noite nunha granxa. Aseguran que o accidente “debe ter a consideración de laboral en itinere, xa que se dirixían do traballo a casa e que, en todo caso, a empresa, Servigude, debe asumir o custe da repatriación das vítimas aos seus países”. “Somos conscientes que supón un gasto relativamente grande (uns 6.500 euros por vítima)”, di Ion Stan, da Ponte Cultural Romanesa-Galega, “mais unha empresa ten que asumir as súas responsabilidades”.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: