Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Accidente laboral en Baleira

Unha empresa négase a pagar a repatriación dun traballador romanés morto hai máis de tres semanas

A lei obrígalle a pagar unha indemnización de case 30 mil euros, mais négase a adiantar os sete mil que custa o proceso de devolución do cadáver á familia.

Redacción - 19:40 23/09/2009

"Estamos indignados", comenta Ion Stan, presidente da Asociación Ponte Cultural Romanesa-Galega. "Mesmo a xente da funeraria dixo que non viran nada igual en trinta anos que levan no negocio", di en declaracións a este xornal.

O colectivo, arroupado polo Foro Galego de Inmigración, denunciou esta cuarta feira a empresa Maderas ESA de Baleira por se negar a asumir os custos da repatriación do cadáver dun dos seus empregados de nacionalidade romanesa que faleceu nun accidente laboral.

O sinistro produciuse o 1 de setembro e, desde entón, o corpo do finado continúa na funeraria de Ortigueira, xa que a súa familia, "moi humilde", non pode asumir os arredor de sete mil euros que se requiren para devolver o cadáver, e a empresa, subcontratada por Norfor (filial de ENCE), "non ten os cartos", alegan os seus propietarios.

Porén, Stan explica que, segundo a lei, nestes casos a empresa "ten a responsabilidade" de pagar unha indemnización -non a repatriación- que podería chegar aos 30 mil euros, mais é un "trámite moi longo". Por iso, solicitáronlle a Maderas ESA que adiantase os sete mil euros. Esta négase.

O presidente da Ponte Cultural Romanesa-Galega comenta que tamén se puxeron en contacto co consulado do seu país, no entanto, dixéronlles que na súa zona de actuación -o norte peninsular- había dez casos similares, e que non podían asumir o pago. Stan concorda neste mesmo senso: "É responsabilidade do empresario, que está a ter unha actitude nada humanitaria".

Mais como o que urxe é devolver o corpo para que poida ser enterrado pola súa familia -esa é "a súa principal preocupación, non os cartos", asegura-, decidiron abrir unha conta solidaria, en Caja España, co nome "Conta Recadación A.L. IOAN NEGURA" e o número: 2096 0570 79 3971396400.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: