O PSdeG cualifica os cambios de “remendo que non serve para tapar os buratos que hai nas oposicións nin impide a aparición de novos escándalos”.
Logo das irregularidades e coñecidos escándalos dos que foron obxecto as últimas oposicións públicas da Xunta de Galiza, o Goberno decidiu introducir novas medidas na Lei de Función Pública para “facer máis obxectivos e transparentes os concursos deste tipo”. Porén, dende a oposición socialista xa censuraron esta actuación, que entenden que “intenta tapar cun remendo buratos demasiado grandes nas oposicións da Xunta” e adiantan que “o presidente da Xunta faría mellor en preocuparse da posíbel existencia de máis casos de irregularidades e mesmo de nepotismo na Administración Autonómica”.
Opositor e membro do tribunal, postos incompatíbeis
A Xunta non permitirá que ningunha persoa que participe como opositor nun proceso selectivo poida ser membro dos tribunais de calquera outro proceso que se realice ao mesmo tempo. Asemade, tampouco se admitirá que un membro do tribunal de selección, tanto para persoal funcionario como laboral, pertenza a un grupo profesional inferior ao que é obxecto da convocatoria.
Aquelas persoas seleccionadas para formar parte dun tribunal nunha convocatoria de emprego público deberán eximirse da súa participación no caso de que nesa mesma convocatoria participe como aspirante algún familiar até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Tamén, aqueles que estean relacionados coa organización dun proceso selectivo, agás as tarefas de vixilancia do exame, non poderán preparar opositores para ese concurso nin colaborar en actividades que teñan ese mesmo fin.
Finalmente, constituirase unha comisión técnica de mellora dos procesos selectivos con participación dos axentes sociais, co obxectivo de “analizar, definir e promover a adopción de novas medidas que faciliten a mellora continua do proceso”.
Para o PSdeG, “remendo pequeno para un burato moi grande”
Xosé Manuel Lage Tuñas, viceportavoz dos socialistas, lamentou que se “evite o cese do responsábel política da función pública” cun “remendo que non serve para tapar os buratos que hai nas oposicións da Xunta nin impide a aparición de novos escándalos”. Recorda que, até o de agora, “xa tiveron que dimitir varios tribunais e mesmo dous cargos da Consellaría de Facenda e só queda, por hixiene democrática, o cese de Xosé María Barreira, por “encubridor e consentidor do escándalo das oposicións do grupo A1 da Xunta, onde se mesturaban nos tribunais examinadores e examinados”.
O PSdeG pide “unha reforma en profundidade da función pública e dos procesos selectivos para acceder a un emprego público” e lamenta que o Goberno “non ofrece garantías suficientes de limpeza nestes procesos”. Argumentando que son precisos “grandes cambios e non parches”, os socialistas presentarán no vindeiro pleno do Parlamento unha Proposición Non de Lei que inclúe “cambios profundos no sistema de selección dos tribunais das oposición”, para evitar “filtracións, irregularidades, nepotismo e escándalo”.