O deputado socialista Xosé Manuel Lage denuncia as "tropelías" amparadas pola Xunta e reclama a nulidade de todos os procesos sen garantía de limpeza.
"Milleiros de opositores viven con rabia estas tropelías", denuncia o PSdeG
Cargos da Consellaría de Facenda optaban a prazas nun proceso de oposición do que, paradoxalmente, eran á vez membros do tribunal. O asunto saltou ao primeiro plano os últimos días e resolveuse parcialmente coa renuncia destas dúas persoas a formar parte do devandito tribunal. Chegada a polémica ao Parlamento, desde o grupo parlamentario do PPdeG, o deputado Antonio Rodríguez Miranda insistía en defender a legalidade da situación na que os dous cargos de Facenda se envolveran, indicando que "se é legal é correcto".
A avaliación do PP acendeu a indignación da oposición e o portavoz socialista Xosé Manuel Lage advertiu de que independentemente do burato legal aproveitado quedaría claro que non se trata dun proceder "ético". Lage recuperou este xoves as súas acusacións preguntándose a razón pola cal o PP "xustifica a inmoralidade de que un presidente dun tribunal xulgue e examine os seus compañeiros de tribunal". "É unha barbaridade, e toda unha declaración de falta de principios por parte de quen está gobernando Galiza", lamentou.
Para o deputado socialista casos como este recente amosan que as oposicións á Xunta "están cheas de irregularidades" e dubidou de que existan garantías de limpeza e imparcialidade nos procesos selectivos. Para Lage Tuñas, o actual Goberno está convertendo as oposicións "en noticia de escándalo e vergoña allea", e criticou ao respecto os casos de filtracións en exames, os "cambalaches persoais" e insistiu en que a ausencia de garantías de limpeza e imparcialidade é unha constante diaria. Ao tempo que reclaman unha viraxe desta situación, o PSdeG esixe que sexa cesado o actual director xeral da Función Pública.