Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XXVI Asemblea xeral

Os obstáculos á lingua, o modelo de escola pública e o pacto educativo, na axenda de Nova Escola

O colectivo de renovación pedagóxica fai balance e marca un roteiro para 2010 que incluirá o Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz e o Congreso Pontes de futuro.

Redacción - 13:05 12/03/2010

O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega celebra este sábado 13 de marzo a súa XXVI Asemblea anual, unha cita para o balance de traballo dos últimos meses, o intercambio de experiencias, reflexión e a planificación de novas propostas. Desta o colectivo reafirman o compromiso cun proxecto pedagóxico "socialmente valioso, por máis que a acción política pretenda derrubalo" e desta volta subliñan a especial preocupación por definir medidas para "evitar situacións regresivas no ámbito da lingua e do modelo de escola pública que defendemos". De xeito especial, a actualidade do debate acerca do pacto educativo centrará tamén o debate. A cita será no novo local social de Caixanova na compostelá Praza de Cervantes, a onde convidan a achegarse a todo aquel que lle interese involucrarse no proxecto. A xornada comezará ás 9h30 coa charla coloquio "A avaliación diagnóstica". ás 13h farase unha mesa redonda baixo o título "O pacto pola educación".

O colectivo avanza tamén as que serán algunhas das súas principais actividades ao longo do próximo ano. En datas próximas, e en colaboración con AGAPAZ, Nova Escola organiza o XXIV Encontro Galego-Portugués de Educadores/as pola Paz. Será na localidade portuguesa de Leiría, entre o 23 e o 25 de abril, e haberá lembranza especial para Xesús Jares, finado en 2008, e voz de referencia no ámbito da educación para a paz. "O seu saber, feito de investigación e experiencia, permitiu contextualizar, histórica e conceptualmente, a educación para a paz e, sobre todo, articulou a teoría coa práctica no proceso educativo", lembran, "Para el, a Paz era o camiño".

Outra cita relevante e nas mesmas datas será o congreso internacional 'Educar na Ponte: pontes de cultura, pontes de futuro', coorganizado coa asociación Ponte nas Ondas e convocado de feito para conmemorar os quince anos de actividade de Ponte nas Ondas. Este ano vanse celebrar ademais as VI Xornadas Interxeracionais Rurais, nesta ocasión baixo o título "Aprendendo dos nosos maiores". O V congreso sobre materiais didácticos, as VIII xornadas ciencia e territorio ou o II curso sobre patrimonio lúdico serán outras convocatorias da vizosa actividade de Nova Escola en 2010.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: