Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE DOUS MESES DESPOIS

Consúmase o acordo entre Pascual e La Arzuana

O grupo Alimentos Lácteos pechou os últimos flocos da negociación: a planta de Outeiro de Rei producirá marca branca e manterá todo o cadro de persoal.

Redacción - 18:50 23/02/2010

Alimentos Lácteos, o grupo de cooperativas liderado por La Azuana, pechou este martes de xeito oficial todos os flocos que quedaban pendentes do acordo con Pascual para alugar a planta de Outeiro de Rei. As cooperativas resérvanse un dereito a compra e envasarán leite que se adicará a unha segunda marca do grupo lácteo burgalés. Ademais, Alimentos Lácteos prevé ter no mercado o seu novo produto o vindeiro 15 de marzo.

Marcas brancas
A nova empresa traballará con tres liñas de negocio: a produción e comercialización do leite para marcas brancas; a fabricación de marcas para terceiros; e a adquisición dun maior peso nas vendas. O xerente de Alimentos Lácteos, Roberto Casas, asegurou que até o de agora atoparon xa “moi boa acollida “entre a gran distribución e entre os distribuidores nacionais e adiantou que, no futuro, o obxectivo é elaborar unha marca propia nas instalacións de Outeiro de Rei. Con todo, matizou que “de momento entraremos no mercado só con marcas brancas e unha produción diaria duns 450 mil litros diarios” que achegarán as oito cooperativas integradas na empresa.

Cadro de persoal
O grupo de cooperativas adquiriu o compromiso de asumir o actual cadro de persoal de 71 traballadores (os que aínda hoxe traballan para Pascual), que manterán as “mesmas condicións que tiñan até o de agora”. De momento, incorporaranse só os operarios dun perfil máis técnico para encargarse da posta a punto da maquinaria. A previsión é que os demais se incorporen no prazo de dúas a tres semanas, para afrontar o envasado do produto.

Máis cooperativas
O xerente subliñou que o proxecto “segue aberto” á incorporación de novas cooperativas do leite. Na actualidade son oito: La Arzuana (Arzúa), Gancobre (A Pastoriza), Perpetuo Socorro (Arzúa), Mopán (Monterroso), Tierra Llana (Castro de Rei), Indega (Silleda), Codegui (Guitiriz) e Codeira (Portomarín). Este grupo nace cun capital inicial de 800 mil euros e aspira a acadar os 2,5 millóns de capital social para poder chegar a transformar sobre 800 mil litros de leite diarios.



5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: