Os tres sindicatos lamentan que a patronal non acudise á xuntanza cos traballadores, na que mediaba a Xunta. O seu obxectivo é ser “mileuristas”.
Os traballadores das instalacións deportivas volveron pecharse este martes en demanda dun convenio colectivo. Desta vez fixérono nos concellos da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Ames. Deste último, que ten de alcalde ao Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández, foron desaloxados pola policía municipal e pola Garda Civil. Este desaloxo prodúcese catro días despois de que a policía cargase contra os sindicalistas que se manifestaban no despacho do director xeral de Relacións Laborais para exixir a súa mediación.
A patronal non se senta a negociar
Os traballadores retoman así as mobilizacións despois de que este luns a patronal amosase a súa negativa a sentarse a negociar cos representantes dos traballadores. A CIG, CCOO e UXT acudiron á xuntanza convocada pola Consellaría de Traballo para mediar no conflito laboral que se prolonga xa durante dous anos, mais foron os únicos. Axidega foi a gran ausente nesta reunión e explicou que “en ningún caso” se sentarán na mesa de negociación “se os traballadores non poñen fin á folga”.
Pola súa parte, os sindicatos lamentan que os empresarios do sector “ignoren” a chamada da Administración para poder dar unha solución á problemática laboral e dar unha saída “á actual situación de precariedade”.
Presión nos concellos
Cos peches iniciados este martes nas casas consistoriais, os traballadores pretenden que os municipios que teñen instalacións deportivas concesionadas a empresas do sector, presionen para obrigalas a negociar. “Entendemos que os concellos tamén deben asumir a súa parte de responsabilidade, xa que son quen outorgan as concesións, que son públicas”, subliña Xosé Lois Martín Freire (CIG), “ademais os afectados, máis de 100 mil persoas en toda Galiza, son os seus veciños e veciñas”.
Obxectivo: ser “mileuristas”
As reivindicacións do persoal céntranse en catro aspectos básicos: o estabelecemento dun convenio que cubra a todo o sector (actualmente están suxeitos a cinco: limpeza, sidero-metalúrxica, ensino privado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas), a modificación das condicións da Incapacidade Temporal, melloras salariais e a regulación da xornada laboral.
Pola súa parte, a patronal oferta un salario base de 700 euros, ao que se sumaría unha porcentaxe dun 2,3% para 2010 e dun 3,3% para o 2011. Deste xeito, dentro dun ano acabarían cobrando 800 euros. Os sindicatos non aceptan uns salarios que son inferiores os que cobraban os traballadores no ano 2003, cando aínda estaba vixente o anterior convenio. Ademais, recordan que as súas nóminas “apenas superan o salario mínimo, traballando sábados, domingos e festivos” e aseguran que o obxectivo é “que os traballadores cheguen cando menos a ser “mileuristas” a tres anos vista”