Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA XUNTA

A policía carga contra sindicalistas en protesta polo conflito das instalacións deportivas

Desaloxan os delegados sindicais de UXT, CCOO e CIG do despacho do director xeral de Relacións Laborais.

Redacción - 19:30 19/02/2010

Cando se cumpren 19 días de folga nas instalacións deportivas, os sindicatos denuncian brutalidade policial nun desaloxo en Compostela. Efectivos da policía actuaron contra unha trintena de delegados sindicais de UXT, CCOO e CIG, que levaban varias horas pechados no despacho do director xeral de Relacións Laborais, Odilio Martíña, para pedir a mediación da Xunta no conflito.

Segundo denuncia Xosé Lois Martín, da Federación de Servizos da CIG, o peche iniciouse as dez e cuarto da mañá e cara ás tres e cuarto foron desaloxados polos efectivos policiais: “algunhas persoas que participaron na protesta queixáronse de brutalidade, xa que nalgúns casos mesmo sacaron os manifestantes a rastras”.

O conflito continúa
Con todo, a Xunta comprometeuse a promover unha xuntanza no Consello de Relacións Laborais o vindeiro luns pola tarde, mais aínda non se sabe se acudirá a patronal. Martín subliñou que os empresarios “seguen exixindo que se desconvoque a folga para sentárense a negociar”. Mentres, os tres sindicatos manterán este sábado asembleas cos traballadores da Coruña, de Lugo e de Pontevedra e serán os traballadores os que decidan “cando e como se desconvocan as protestas”.

O sector das instalacións deportivas vén mobilizándose dende hai máis de tres anos en demanda da negociación dun convenio colectivo. Os traballadores non aceptaron o preacordo proposto pola patronal, Asidega, que formulaba un convenio a catro anos. Neste período e de xeito gradual, os empregados acadarían a categoría salarial de “mileuristas” e unha xornada laboral de 38 horas semanais. Ademais, contemplaba algunhas melloras sociais como o cobro do 85% do salario a partir do cuarto día de baixa laboral.

Os sindicatos denuncian que, aínda que a maioría dos centros deportivos son públicos, a súa xestión está en mans privadas, que “obrigan os traballadores a subsistir con salarios precarios”. No sector hai titulados universitarios do INEF que cobran 800 euros ao mes por xornadas completas e con dispoñibilidade absoluta. As exixencias dos folguistas son unha mellora salarial inmediata (actualmente cobran sobre 730-800 euros brutos); xornada continua; incluír os complementos salariais no salario base; ou que se respecte a antigüidade á hora de outorgar melloras persoais.


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: