Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARALIZADO POLO BIPARTITO

A Xunta retomará o cinto industrial de Cervo

O PP rescata a iniciativa de crear esta área no entorno de Alcoa, un proxecto que fora desbotado polo seu impacto ambiental e polo seu custe.

Redacción - 12:15 12/02/2010

A maioría absoluta do PPdeG foi suficiente para sacar adiante unha proposición non de lei na que o Parlamento insta á Xunta a recuperar o proxecto de construír un cinto industrial nas proximidades da empresa Alcoa, en Cervo (A Mariña). O proxecto, que xa fora paralizado polo anterior Goberno bipartito, estaba incluído no chamado Plan Galicia e pretendía atraer a novas empresas e xerar emprego, unhas finalidades que subliñou o deputado popular Xosé Manuel Balseiro, apelando á actual situación de crise económica.

Con todo, esta iniciativa fora paralizada na anterior lexislatura polo seu alto impacto ambiental e polo seu elevado custe. Así o defendeu a portavoz de Infraestruturas do BNG, Teresa Táboas, quen asegurou que a obra non tería pasado os exames sobre os efectos no medio que requiren estes casos. Así, censurou o “errado do emprazamento”, xa que “parte dos terreos están nunha pendente cara ao mar”, co consecuente perigo ambiental.

Pola súa parte, o PSdeG defendeu as iniciativas para promover unha maior actividade na zona, mais considerou que as empresas auxiliares de Alcoa xa están instaladas dentro do recinto da propia compañía. Sostivo así que “non hai máis necesidade de solo” e, en calquera caso, avogou polo respecto ambiental. Mentres, o PPdeG asegurou que “existe un informe técnico elaborado por unha compañía independente e de gran prestixio que avala a idoneidade do proxecto no contorno de Alcoa”.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: