Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN TODO O MUNDO

Alcoa recortará 13.500 empregos, o 13% do seu cadro de persoal

Nas plantas galegas de San Cibrao e A Coruña non teñen comunicación oficial sobre despedimentos mais si sobre un axuste na produción.

Isabel G. Couso - 12:25 07/01/2009

O grupo estadounidense Alcoa, que en Galiza emprega de forma directa a 1.800 traballadores, anunciou que durante o 2009 reducirá nun 13% o seu cadro de persoal, o que equivale a 13.500 postos fixos de traballo. As factorías galegas, situadas en San Cibrao (Lugo) e na Coruña recibiron a noticia con certa preocupación, se ben aínda non recibiron ningún tipo de comunicación oficial sobre a posíbel repercusión que esta medida podería ter en Galiza.

A empresa, un dos maiores produtores de aluminio do mundo, detallou nun comunicado que tamén eliminará 1.700 contratos temporais, conxelará os salarios e as contratacións en todo o mundo e reducirá a súa produción anual en 750 mil toneladas métricas, o que equivale a un 18%. O obxectivo é "conservar o efectivo, reducir os custes en preto de 450 millóns de dólares anuais e reforzar a súa competitividade para enfrontárense á crise económica actual".

Reaccións en Galiza
A precaución e a cautela é a tónica dominante nas factorías galegas. O presidente do comité de empresa da planta de San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), encadra estas medidas no axuste de produción que xa anunciara a empresa no pasado mes de decembro. "Non temos confirmación de ningún tipo de despedimento para este ano, polo que entendemos que non afectará á nosa planta". Con todo, xa adiantou que o comité manterá unha xuntanza coa dirección para aclarar os termos desta medida.

A propia empresa xa adiantou que para este 2009 é necesario un axuste na produción, por mor da crise da automoción e da construción, que repercute directamente na venda do aluminio. Con todo, esta é unha decisión que pretende axustarse á conxuntura do mercado, mais insisten en que non está previsto ningún expediente de regulación de emprego nin recorte de persoal. Así, a planta de San Cibrao xa puxo en marcha no pasado mes de decembro un plan de austeridade para facer fronte á crise reducindo custes e eliminando ou aprazando tarefas. Xa daquela o comité de empresa falaba de incerteza e adiantaba "dinnos que non está previsto recortes de persoal pero está claro que todo vai ir en función de como evolucione a situación económica e cales sexan os seus efectos".

Tamén neste último mes, a compañía decidiu reestruturar a súa unidade de transformados en Europa, o que no Estado Español tivo repercusión en diferentes plantas: traduciuse nun recorte de cadros de persoal do 14% que afectou ás de Amorebieta (Bizkaia), Sabiñánigo (Huesca) e Alicante. Non obstante, Galiza quedou fora desta reestruturación e as medidas tomadas non foron máis alá do citado plan de austeridade.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: