Unha recoñecida feminista francesa asegura que décadas de melloras en igualdade estanse a ver ameazadas pola "volta á natureza".
Cueiros reutilizábeis
Élisabeth Badinter ten novo libro: Conflit, la Femme et la Mere ("Conflito, a Muller e a Nai"). A filósofa francesa, recoñecida figura do movemento feminista no país galo, sae nesta ocasión en defensa das mulleres que deciden traballar fóra da casa e non ter fillos, informan os medios locais.
Arremete contra a moda do discurso "naturalista" que relega a muller ao seu papel de nai. "Hai unha alianza do ecoloxismo, de La Leche League (fundada en 1956 nos EUA, estendida por todo o mundo e que promove o aleitamento materno), do feminismo naturalista e dos especialistas en comportamento humano, apoiándose uns nos outros" para xustificar o reparto desigual na parella.
Badinter, de 65 anos e con tres fillos, cre que este "regreso á natureza" está a ameazar décadas de melloras en igualdade, forzando as mulleres a deixaren os seus traballos e a se converteren en nais da súa casa, escravas de 'modas verdes' como os cueiros reutilizábeis e a comida orgánica.
Obrigáselles -afirma- a se sentiren culpábeis por non ficaren na casa e lles daren de mamar os fillos canto máis tempo, mellor. Mesmo durante a época de embarazo, fáiselles pensar que as epidurais son algo malo, asegura Badinter. "É como se fósemos femias de chimpancés", di.