O novo goberno terá a Nelson Santos (PPdeG) como alcalde, logo de chegar a un acordo con Cidadáns (tres edís) e Independentes (dous edís).
O de Porriño é o undécimo concello no que se votará unha moción de censura
A mudanza de goberno no Porriño xa está en marcha. Unha notaria, en nome do PPdeG e das formacións independentes Cidadáns por Porriño e Independentes por Porriño, presentou este mércores a moción de censura que desbancará da alcaldía ao actual rexedor, o nacionalista Raúl Francés.
Esta é a undécima moción censura dende as eleccións municipais celebradas en 2007 e a cuarta na provincia de Pontevedra, onde edís elixidos polo PPdeG tamén optaron por esta vía para conseguir as alcaldías de Mos e Gondomar. Mediante esta estratexia tamén conseguiron o bastón de mando os actuais alcaldes populares de A Pobra de Trives, Mos, Abegondo, Láncara, Folgoso do Courel e A Veiga, se ben en algúns casos os concelleiros tramitaron a súa baixa nas filas populares para evitar prexudicar o partido con acusacións de transfuguismo.
A maiores, edís do PPdeG tamén deron o seu apoio á moción de censura de Silleda, que lle quitou a alcaldía ao PSdeG e contribuíron á expulsión do PSdeG da alcaldía de Santa Comba apoiando outra moción de censura.
Novo goberno
O executivo resultante da aprobación da moción do Porriño terá a Nelson Santos como alcalde, segundo o acordo asinado polo PPdeG (catro edís), Cidadáns (tres edís) e Independentes (dous edís). O primeiro tenente de alcalde será o portavoz do PP, Manuel Carrera, e a segunda tenencia recaerá en Marcelino Coto, de Independentes. Pola súa parte, o portavoz deste último partido, Gonzalo Ordóñez, asegurou que abandona a política para adicarse exclusivamente á súa carreira profesional.
O acordo tamén contempla que Cidadáns e Independentes se integrarán no PPdeG para concorrer nunha lista única nas vindeiras eleccións municipais.