Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP está disposto a ceder a alcaldía

Louzán está a piques de pechar o reagrupamento da dereita porriñesa

"Flocos perfectamente salvábeis" é o que queda, segundo o presidente do PP de Pontevedra, para a moción que apartará o BNG do poder.

Redacción - 17:51 13/01/2010
O Porriño, Casa do Concello

O Porriño, Casa do Concello

O goberno en minoría do BNG no Concello d'O Porriño, co rexedor Raúl Francés á fronte dun equipo que conforman os cinco edís nacionalistas nunha corporación de 17 asentos, viviría as últimas semanas diante do previsíbel reagrupamento da dereita do municipio.

A comezos de ano o líder de Independentes do Porriño, Gonzalo Ordóñez, xa recoñecera que a súa formación pechara "aspectos substanciais" ao respecto do futuro goberno local. Agora, o presidente do PP provincial e tamén presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acaba de afirmar que o seu partido ultima xunto con Independentes e Ciudadanos por Porriño a presentación dunha moción de censura. Louzán apuntou este mércores que só "flecos" que serían "perfectamente salvábeis" separan agora mesmo as posicións destas tres formacións políticas. Así, o líder do PP pontevedrés agarda que este mesmo venres se presente oficialmente a moción de censura.

"Déronse pasos moi importantes para pechar un acordo sólido, estábel e duradeiro", expuxo Louzán. Das pasadas eleccións municipais n'O Porriño o PP saíu con 4 edís, por 3 de Ciudadanos e 2 de Independentes. Os 9 edís que sumarían estas tres formacións conformarían unha nova maioría no Concello. Co obxectivo de desaloxar o BNG do poder, o máximo responsábel do PPdeG provincial admitiu que o seu partido está disposto a cederlle a alcaldía ao líder de Ciudadanos, Nelson Santos.

Reagrupamento da dereita
Ao fío desta moción de censura, insinuou tamén Rafael Louzán que cara aos próximos comicios municipais, en 2011, os conservadores porriñeses con probabilidade poderían consensuar a presentación dunha única candidatura.

Desde Independentes do Porriño, Gonzalo Ordóñez prognostica tamén o inminente acordo "definitivo". Ordóñez confirma ademais que a súa formación aceptará que a alcaldía vaia para o representante de Ciudadanos, de xeito que a primeira tenencia de alcaldía sería para o PP e o seu partido asumiría a segunda tenencia. O representante de Independentes tamén admitiu que, no marco desta negociación co PP, as tres formacións debateron tamén a vontade de que a dereita porriñesa "non vaia de xeito fragmentado ás próximas eleccións" e con probabilidade acudirán unidos "baixo as mesmas siglas" do PP.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: