Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INEM

No último ano, 33 mil galegos perderon o seu traballo

Galiza pecha o 2009 con 222.839 parados, un 17,34% máis que un ano antes. No último mes de decembro incrementaron as listas de desemprego 6.011 galegos.

Redacción - 10:27 05/01/2010
6.011 galegos perderon o seu traballo no último mes de decembro (un 2,77% máis)

6.011 galegos perderon o seu traballo no último mes de decembro (un 2,77% máis)

O desemprego segue incrementándose en Galiza mes a mes. O último do ano deixou un total de 6.011 galegos máis anotados nas listas do Inem, segundo informa o Ministerio de Traballo. Segundo estes datos, en decembro quedaron sen traballo unha media de 193 galegos por día, é dicir, o desemprego aumentou un 2,77% no cómputo intermensual.

Mais unha vez rematado o ano, é hora de facer balance do comportamento do mercado laboral en todo 2009, un estudo do que tiramos conclusións ben negativas. Galiza pecha o pasado ano con 222.839 parados, é dicir, un 17,34% máis que o anterior 2008. Atendendo a esta estatística, perderon o seu traballo no último ano un total de 90 galegos por día (32.936 en todo o ano).

Se viramos a vista cara ao Estado Español, o paro rexistrado en decembro aumentou en 54.657 persoas respecto a novembro e situou o total de desempregados en 3.923.603 persoas, o que supón un máximo histórico e 794.640 parados máis que un ano antes, o 25,4%.

Por provincias
O desemprego aumentou nas catro demarcacións galegas con respecto ao pasado mes de novembro. A que incrementou o número de desempregados en maior medida foi Pontevedra (+2.701), seguida da Coruña (2.602), Lugo (398) e Ourense (310). Se a análise a facemos sobre o conxunto do último ano, A Coruña pecha 2009 con 89.594 desempregados; Pontevedra con 87.209; Ourense con 24.868; e Lugo con 21.168 persoas sen emprego.

Por xénero
Do total de persoas anotadas no Inem en Galiza, 103.487 son homes e 119.352 son mulleres. O paro feminino segue a rexistrar taxas máis altas que o masculino, agás na franxa de idade de menores de 25 anos, que rexistra 13.278 homes parados por 10.212 mulleres.

Por sector
O desemprego subiu especialmente na construción, con 2.940 persoas; seguido da industria, con 2.048 desempregados; e os servizos, con 791 persoas; finalmente, no sector do agro, perderon o seu emprego 497 persoas.

En 2009 asináronse en todo o Estado 14.021.837 contratos, o que supón unha diminución do 15,5% con respecto a 2008 (un total de 2.579.400 contratos menos).

Podes ler en Vieiros a evolución dos últimos meses:


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: