Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES CONTINÚAN AS OBRAS

O Porto Exterior da Coruña aínda está pendente dun acordo de financiamento

A Autoridade Portuaria urxe a Portos do Estado a pechar as negociacións no menor prazo posíbel e subliña que a terceira fase das obras xa aparecían nun BOE de hai un ano.

Redacción - 13:19 17/12/2009
O obstáculo fundamental nas negociacións seguen a ser as discrepancias sobre a construción dun contradique

O obstáculo fundamental nas negociacións seguen a ser as discrepancias sobre a construción dun contradique

O tempo pasa e as conversas entre Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña para determinar o préstamo que permitirá finalizar as obras de Punta Langosteira seguen sen chegar a conclusión. O presidente da entidade coruñesa, Enrique Losada, informou o Consello de Administración do estado actual da construción ao tempo que apurou a Portos a pechar as negociacións canto antes para determinar o alcance do préstamo do Ministerio de Fomento preciso para o financiamento.

A polémica construción da dársena, que terá un sobrecuste de máis de 400 millóns de euros (ao pasar o orzamento dos 370 iniciais até os 789 millóns actuais) continúa malia todo. Segundo explicou Losada a obra marcha "ao ritmo previsto", continúan os traballos marítimos e o dique xa demostrou a súa solidez ao soportar os temporais dos últimos días. Con todo, o obstáculo fundamental seguen a ser as conversas con Madrid, nas que habería unha discrepancia sobre a construción dun contradique, que ten un custe de 70 millóns.

Para Losada esta infraestrutura é "imprescindíbel para a operatividade do porto", unha cuestión na que non coincide Portos do Estado. A entidade coruñesa confirmou que o 12 de maio de 2008 xa se licitara no Boletín Oficial do Estado (BOE) o concurso de redacción dos proxectos de ampliación de Punta Langosteira (fase III), que inclúe os pantaláns de granel líquido e o devandito contradique. Losada subliñou así que esta inversión "xa estaba prevista e pendente de programación".

Acordo sobre un modificado
Doutra banda, si se chegou a un acordo sobre outro modificado do proxecto. A Autoridade Portuaria adiantou que pechou con Portos do Estado os cambios técnicos e económicos do proxecto modificado para punta Langosteira, debido ao sobrecuste que tiveron os traballos.

Dos 99 millóns nos que se cuantificaba ultimamente este engadido reducíronse até os 95, para o que se eliminaron "determinadas execucións da obra que non afectan o resultado final". Unha vez que o documento sexa asinado por Portos será sometido a aprobación definitiva por parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A maiores, nos cambios inclúese "actuacións para a mellora da seguridade dos traballadores, para optimizar a solución técnica e para compensar as deficiencias que apareceron no material das canteiras".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: