Coa chegada das festas, os diferentes colectivos sociais recomendan para estes días un consumo consciente e responsábel.
Compras, publicidade masiva, agasallos... Chega o Nadal e canda el un previsíbel maior consumo, tanto de produtos como de enerxía, o que leva canda si un considerábel incremento da produción de residuos. Neste contexto, diferentes colectivos ecolóxicos e sociais achegan suxestións para que estas celebracións teñan un menor impacto dunha banda nos nosos petos, mais tamén no medio ambiente.
Festas e ecoloxía
Así, por exemplo Adega chama a unha reflexión sobre a importancia da contención do consumo nestas datas e organiza en Compostela un curso de formación baixo o nome "Laboratorio de experiencias para un Nadal alternativo". Ademais, recorda que nestes días producimos entre un 50% e un 75% máis dos residuos habituais e alenta a que demandemos unhas ordenanzas de residuos municipais rigorosas, "que incidan na responsabilidade dos comerciantes no tema das embalaxes" e que "impidan que cegue esa publicidade masiva a quen non a solicitou".
Doutra banda, recoméndanlle os cidadáns "que sexan imaxinativos" nestas datas, que reduzan o seu consumo polo ben do planeta e que denuncien e fagan saber aos seus concellos e comercios que non lles gusta o adiantado acendido de luces ou o continuo bombardeo de anuncios publicitarios".
Aforro e calidade
Outro colectivo que tamén fai recomendacións para as compras de Nadal é a Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL). Esta entidade xa comezou a distribuír entre a cidadanía cinco milleiros de manuais de peto para acadar un aforro real na compra diaria. Nestas guías asesoran sobre como aproveitar as promocións e as ofertas, recomendan acudir a estabelecementos cunha ampla gama de produtos dunha mesma categoría ou subliñan a importancia de analizar e comparar as cantidades dos envases que mercamos.
Nunhas datas nas que, segundo un estudo elaborado pola Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI), cada galego gastará unha media de 669 euros, dende estas organizacións subliñan que para aforrar na cesta da compra as máis das veces non é necesario renunciar á calidade nin á maior parte das nosas preferencias.