Os ambientalistas pensan que si e por iso lle solicitan especialmente aos gobernos locais que tomen medidas ao respecto este mes de decembro.
Coidar o tipo de luminarias, optando polas de baixo consumo e estabelecer datas e horarios máis restritivos é a proposta na que insisten desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), ás portas do Nadal. "Un alumeado ineficiente é unha das principais causas do afogo económico dos concellos", expón Adega, chamando a atención sobre o desbaldimento enerxético que implican os alumeados festivos nestas datas e, en xeral, os alumeados municipais durante todo o ano. Ao respecto das luces ornamentais, propoñen que se reduzan as datas de funcionamento, opinando que un mes é un tempo excesivo, suxiren que se apaguen ás 23:00 horas e insisten en que só se usen as tipo LED (baixo consumo).
A recomendación tamén a realizan estes días desde Ecoloxistas en Acción, recordando que no conxunto do Estado, o incremento de gasto enerxético que suma o alumeado extra destes días vai acompañado da xeración e emisión de toneladas de CO2 á atmósfera. "Un agasallo extra en favor do efecto invernadoiro que causa o cambio climático", láianse os ecoloxistas. Por iso, convidan a que o alumeado se limite ao período que vai desde Noiteboa ao día de Reis. "Un desbalde social e ecoloxicamente inaceptábel", critican.
No mesmo contexto da arela "doutro Nadal posíbel", a asociación ecoloxista Verdegaia presentou hai poucos días a campaña "Consomes ou devoras", que manterán activa durante todo o ano, centrada na chamada a un consumo "responsábel, xusto e sustentábel". Segundo explican, achegarán "alternativas e solucións a un modelo económico e de consumo que os últimos acontecementos só veñen a confirmar como irracional e suicida".